A política de contratación do Sergas, detrás da falta de profesionais de enfermaría na área sanitaria viguesa
A CIG-Saúde denunciou este martes a falta de profesionais de enfermaría na área sanitaria viguesa como consecuencia da política de contratación do Sergas, carencia que está a provocar serios problemas asistenciais na UCI Neonatal do Álvaro Cunqueiro. Dende a central reclaman que a dotación de traballadores/as se faga en base ás necesidades reais da área e do hospital e non ao nivel de ocupación baseado en estatísticas, ademais de demandar que se cubra o 100% das prazas vacantes.
A federación de Saúde da CIG de Vigo lembra que esta problemática dáse en distintas zonas do país, “onde a mediados de xullo, en plena época estival e cando a maioría do persoal goza das súas vacacións, diversas Xerencias se atopan co problema de non contar con enfermeiras/os suficientes non só para cubrir as vacacións, senón tamén para substituír empregados/as que colle días libres, baixas ou permisos”.
Sosteñen que non se trata tanto dun problema provocado pola falta de persoal, senón que responde á política de contratación do Sergas. “Nas listas de contratación de enfermeiras/os da área de Vigo apuntáronse máis de 1500 profesionais, e a día de hoxe moitas destas persoas exerceron o seu dereito a solicitar unha suspensión de chamamento por algún dos diversos motivos recollidos no actual Pacto de Contratacións, entre eles o de ter en vigor un contrato laboral”, indican.
Así, sinalan que a política de contratación do Sergas, baseada no aforro en lugar de en optimizar os recursos existentes ou incrementalos até situar o gasto sanitario na media europea, deixa os profesionais que están nas listas de contratación “nunha situación laboral precaria, de incerteza, agardando unha chamada que confirme o ansiado contrato de vacacións, sen saber por canto tempo vai ser até o momento de descolgar o teléfono”.
Neste senso, denuncian que a sanidade privada, sabedora desta situación, adiántase e faise cos servizos de profesionais cunha alta capacitación debido, na maior parte, á experiencia acadada no sistema público de saúde. “Estamos a ver como o sistema público dedica cartos e tempo dos profesionais a formar especialistas, como poden ser as enfermeiras/os especialistas en pediatría ou en familia, sen darlles saída profesional, o que será aproveitado pola sanidade privada para poñer en valor os seus servizos".
Problema asistencia na UCI Neonatal
Ademais, esta situación fai que na actualidade haxa incluso problemas para reforzar certos servizos diante do incremento de ingresos, “xerando un serio problema asistencial como o que se está a dar na UCI Neonatal do hospital Álvaro Cunqueiro”. Polo tanto, lamentan que a política que os actuais responsábeis do Sergas están a aplicar estea a desencadear “situación perigosas” para a saúde pública.
Diante disto, reclaman que os cadros de persoal se establezan en función non só do nivel de ocupación baseado en estatísticas, senón das potenciais necesidades do hospital e da área sanitaria; unha maior estabilidade laboral para o persoal eventual, maior previsión na contratación, sobre todo nas categorías máis sensíbeis como pode ser na actualidade a enfermaría, a medicina de familia e a pediatría.
Tamén demandan a posta en valor dos profesionais que o propio sistema está a formar como son as enfermeiras/os especialistas, dándolles unha saída laboral catalogando as súas prazas como tales e abrindo as súas listas de contratación; e que se cubra o 100% das parazas vacantes mediante contratos de longa duración e que todas sexan ofertadas nas convocatorias da OPE.