Alertan da falta de medios humanos e infrestruturas para atender a saúde mental
A CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar a crítica situación da atención á Saúde Mental na Área Sanitaria de Compostela-Barbanza: cun novo Plan Galego de Saúde Mental á deriva; un Xefe de Servizo en situación irregular dende o 2019, sen ningún tipo de avaliación conforme á normativa vixente do seu traballo, nin análise por parte da Xerencia de Xestión ao levar máis de 4 anos na xefatura e sen protocolos ni plans funcionais (malia telos solicitado reiteradamente) adaptados ás necesidades dos distintos centros ou unidades de psiquiatría.
Xunto a isto alerta da ausencia dunha avaliación relativa aos recursos materiais e humanos necesarios para garantir unha asistencia sanitaria de calidade, como recolle a Lei Xeral de Sanidade. Unha situación que está a repercutir, afirman, “na saúde física e psicolóxica, dos profesionais no seu traballo diario”.
Como exemplos desta situación sinalan:
Unha carencia de profesionais en todos os ámbitos ou categorías ( terapéutas ocupacionais, psicólogos en atención primaria e hospitalaria, psiquiátras, traballadoras sociais.... )
Falta de infraestructuras e do mantemento necesario para dar cobertura ás necesidades das persoas usuarias, como no hospital psiquiátrico de Conxo, onde “chove sobre mollado outro ano máis”, ou coa recente apertura de unidades de Continuidade de Coidados e Atención Sociosanitaria, con recursos limitados de persoal, material e estrutura física para desenvolver a atención.
Respecto das Unidades de Saúde Mental aseguran que están valeiras de contido. Como poñen o recén creado USM de ORDES, que sendo unha comarca cun dos índices de suicidio máis grandes a nivel estatal carece dun plan funcional ou de actividade avalados polo servizo de calidade da Área Sanitaria.
Denuncian, ademais, a falat de cobertura de profesionais , como é o caso da USM de NOIA, que neste mes carece de actividade pola ausencia de profesionais ao marchar os titulares de vacacións.
Diante desta situación conclúen que “desde o SERGAS e a Xerencia de Xestión, véndesenos unha política de “decir que facemos coa presentación de plans e proxectos novos” pero sen resultado ningún, o que realmente temos é unha involución da atención á poboación nos diferentes centros ou unidades especialidos en Saúde Mental”.