Alemaña: O final da estabilidade política

Angela Klein - 19 Out 2017

A desigualdade social aumentou en Alemaña desde que a coalición SPD-Verdes chegou ao poder en 1998. Alemaña é, xunto con Grecia e Portugal, o país da UE coas maiores disparidades de ingresos antes de impostos e transferencias sociais, e é o país coa maior fenda de ingresos entre homes e mulleres

As eleccións federais de 2017 marcan unha ruptura na historia política da República Federal de Alemaña. Significan a fin das condicións políticas relativamente estábeis no país dominante e economicamente máis forte da Unión Europea.

 Ambas as partes da gran coalición de goberno perderon apoio entre os votantes. Co 26,8 por cento, a conservadora CDU/CSU obtivo o peor resultado da súa historia; perdeu 2,5 millóns de votos. O socialdemócrata SPD alcanzou o seu mínimo histórico; conseguiu un 20,5 por cento e perdeu 1,75 millóns de votos. Isto supón un claro rexeitamento á repetición da gran coalición (cunha maior participación electoral do 76,2 por cento - 2013: 71,5 por cento). A CDU/CSU ten un saldo neto de 1,3 millóns de votos perdidos aos liberais do FDP e case un millón de votos á extrema dereita, a AfD.

 Os case 2 millóns de votos perdidos polo SPD divídense máis ou menos a partes iguais (entre 400.000 e 450.000 votos) entre o FDP, Die Linke (Partido da Esquerda), AFD e os Verdes. Os Verdes beneficiáronse menos das perdas do SPD.

 A ruptura da gran coalición provocou unha viraxe política cara á dereita. A AfD de extrema dereita, que non chegou a entrar por pouco no parlamento federal (Bundestag) hai catro anos, conseguiuno agora co 12,6 por cento dos votos. Obtivo 1,8 millóns de votos dos antigos non votantes e de varios pequenos partidos de dereita, pero tamén case un millón de votos da CDU/CSU e uns 400.000 votos do SPD e outro tanto do Partido da Esquerda. A AfD é a terceira forza máis poderosa no novo Bundestag.

 Mais o retorno do FDP ao Parlamento federal é tamén parte da viraxe cara á dereita. O FDP quere establecer un prazo de tempo para a protección dos refuxiados e a aprobación dunha lei de inmigración que siga o modelo canadense. Quere reformar os tratados da UE para que países como Grecia poidan ser expulsados da unión monetaria, e 'a longo prazo' abolir o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEE). O FDP está tamén contra o cambio de modelo enerxético. Así, en relación con ambas as cuestións hai unha carreira para ver quen vira máis á dereita entre o CSU de Baviera, o FDP e a AfD.

 Co 8,9 por cento dos votos, os Verdes son o grupo parlamentario máis pequeno do Bundestag.

 Dado que o SPD xa anunciou na noite electoral que non quería continuar no actual goberno de gran coalición e que todas as partes exclúen unha coalición coa AfD, só queda numericamente a posibilidade dunha chamada coalición Xamaica, é dicir, negro-verde-amarela (CDU/CSU-Verdes-FDP). Pódese anticipar que os Verdes sufrirán o maior número de perdas nunha coalición deste tipo. Actualmente compórtanse como un partido de estado, garantes dun goberno estábel.

A AfD

 A AfD foi fundada como unha oposición conservadora á política europea da ex coalición CDU/CSU-FDP durante a crise financeira. Porén, durante o 'verán dos refuxiados' foi capaz de se converter no voceiro político do movemento racista Pegida contra a islamización de occidente. Desde aquela, os seus principais temas son unha política de portas pechadas contra os refuxiados e o seu odio contra os musulmáns. Os fundadores da AfD abandonaron o partido hai moito tempo. A AfD está agora dirixida por unha coalición de correntes de dereita que toleran posicións abertamente fascistas e antisemitas dentro das fileiras do partido.

 Antes das eleccións o partido foi capaz de manter os conflitos ao interior do partido en secreto. Pero despois das eleccións fixéronse públicos. Xiran principalmente sobre a cuestión de se a AfD debe xogar un papel de oposición durante algún tempo agrupando as posicións de extrema dereita e fascistas até ser o suficientemente forte como para determinar o curso do goberno -ou se debe aspirar a entrar nunha coalición de goberno tan axiña como sexa posíbel.

 A ex presidenta do partido Frauke Petry defende esta última opción; quere un 'xiro conservador' en Alemaña até 2021. Xusto despois das eleccións anunciou que renunciaba ao seu escano pola AfD no Bundestag e que abandonaba o partido. Probabelmente pretende formar un novo partido. Á luz da experiencia do seu predecesor e fundador da AfD, Bernd Lucke, as posibilidades de éxito dun novo partido parecen ser moi limitadas. Tampouco é evidente que a corrente de extrema dereita da AfD poida sobrevivir a unha escisión do partido.

 A AfD conseguiu o 10 por cento dos votos ou máis nos estados federais da antiga RDA, en Berlín, e mesmo en Baviera e Baden-Württemberg; en Saxonia converteuse no partido máis forte. En Alemaña do Leste hai un profundo resentimento, sobre todo, en contra da CDU: o partido que durante a caída da RDA prometeu aos alemáns do Leste un futuro prometedor, 27 anos despois da reunificación alemá os salarios e as pensións no leste seguen sendo inferiores aos da oeste -incluído o sector público- e o 90 por cento dos activos están en mans occidentais. Incluso o inicio dun desenvolvemento industrial independente no leste como a industria solar foi destruído pola competencia máis barata de China. Con todo, estas razóns non son válidas para os dous estados federais do sur que están entre os máis ricos da República.

 Os mellores resultados da AfD corresponden ás maiores perdas da CDU/CSU. Nos tres estados federais do leste Saxonia, Saxonia-Anhalt e Turinxia, así como en Baviera e Baden-Württemberg no sur de Alemaña, a CDU/CSU sufriu as súas maiores perdas. En particular, unha amarga derrota para a CSU en Baviera (onde perdeu 10 puntos), porque tratara de limitar as súas perdas á AfD cunha política dura contra os refuxiados.

 Malia todo, a gran coalición foi un éxito para a burguesía. Pero nos últimos anos Angela Merkel, chanceler e presidenta da CDU, foi criticada dentro do seu propio partido: acusada de ter social-democratizado a CDU até facela irrecoñecíbel e de abandonar os valores conservadores básicos (por exemplo, a oposición aos matrimonios do mesmo sexo).

O SPD: a inquebrantábel lealdade non paga

 As perdas do SPD derívanse do feito de que non propuxo ningunha outra opción de goberno que non fose a gran coalición. Cando Martin Schulz foi elixido como candidato do seu partido por un breve espazo de tempo foi capaz de crear a impresión de que ía distanciarse da política da Axenda 2010 facendo da 'xustiza social' o seu berro de guerra electoral. Inmediatamente, o SPD subiu nas enquisas 10 puntos -cunha inmensa expectación en torno á candidatura de Schulz. Pero axiña deu marcha atrás. Non quería correr o risco dunha ruptura coa Axenda 2010 e as súas concrecións de en que consistía a 'xustiza social' foron bastante pobres. Ao final, durante o debate en televisión, apareceu máis como un socio de Merkel que como o seu opoñente. Desde ese momento a gran coalición caeu en desgraza na opinión pública.

 Os líderes dos sindicatos querían unha continuación da gran coalición. Porén, o que o SPD puido conseguir da coalición era bastante pouco: o máis importante foi a introdución dun salario mínimo legal -por primeira vez na historia de Alemaña. A súa importancia estrutural para a estabilización dos salarios nos sectores de emprego precario é innegábel. O goberno federal ignorou as protestas masivas dos empregadores. Pero o nivel do salario mínimo é ridículo -na actualidade 8,84 euros a hora- e o control do seu cumprimento insuficiente.

 Os éxitos do SPD no tema das pensións foron equívocos. Só a forza de traballo central das grandes empresas, cunha antigüidade ininterrompida, poden gozar da xubilación aos 63 anos, despois de 45 anos cotización, que tamén foi rexeitada polos empregadores. Ao mesmo tempo, a resistencia dos sindicatos contra o aumento da idade de xubilación aos 67 foi cooptada e desenvolvéronse os plans de pensións de empresa e un sistema privado de pensións como un segundo alicerce de financiamento do sistema a ministra de Traballo do SPD Andrea Nahles. Os sindicatos están agora, xunto coa patronal, implicados na administración dos fondos de pensións erosionando sen dúbida a súa vontade de loitar por un seguro obrigatorio de pensións baseado na solidariedade.

 O debilitamento estratéxico dos traballadores e os seus sindicatos é aínda máis evidente a través da lexislación sobre a negociación colectiva aprobada pola gran coalición co apoio dos grandes sindicatos. Con máis dun sindicato nalgunhas empresas ou fábricas (por exemplo, nos aeroportos ou nos hospitais) o convenio colectivo negociado co sindicato máis grande entrará en vigor para todos. Esta lexislación vai dirixida contra os sindicatos de traballadores de alta cualificación como os maquinistas e os médicos, que son moi combativos debido á súa forte posición nos procedementos de operación. Nos últimos anos foron capaces de evitar a perda dos seus 'privilexios' en varias ocasións.

 Deste xeito, a participación do SPD na gran coalición levou a unha maior integración dos sindicatos na xestión conxunta da reestruturación neoliberal a longo prazo dos sistemas de seguridade social.

A Esquerda

 Die Linke foi capaz de aumentar a súa participación no voto lixeiramente até o 9,2 por cento. En todos os estados federais occidentais superou o 5 por cento, con especial éxito nas cidades-estado de Hamburgo e Bremen, así como na rexión do Sarre con máis do 12 por cento cada un. En Berlín converteuse no segundo partido cun 19 por cento. Entre os votantes menores de 30 anos ten un 11 por cento. Porén, nos estados federais do leste o partido sufriu fortes perdas, as maiores de Turinxia e Brandenburgo. En ambos os estados Die Linke está nunha coalición de goberno co SPD. Obviamente, nesas rexións xa non é visto como un partido 'oriental' que asume as reivindicacións da poboación de Alemaña do Leste.

A situación económica

 A situación económica de Alemaña é contraditoria. Por unha banda, o PIB foi en aumento lixeiramente, pero de xeito constante desde 2010. Houbo unha repunta do mercado laboral: durante tres ou catro anos os salarios reais están subindo de novo logo do seu afundimento constante ou estancamento entre 2000 e 2013. Porén, o aumento é máis debido a unha taxa de inflación moi baixa que o aumento real dos salarios significativamente máis alto, malia seguir sendo os máis baixos da UE.

 A taxa oficial de desemprego de menos do 6 por cento é a máis baixa desde 1990; a taxa de emprego está no nivel historicamente máis alto. Pero conséguese cunha cota cada vez maior de persoas que gañan menos de 10 euros por hora: representan o 20 por cento da poboación activa en Alemaña, e no leste de Alemaña é máis do 30 por cento. O orzamento nacional dos fogares e os dalgúns estados federais están no seu mellor momento, mesmo os fondos sociais teñen un superávit récord. Así e todo, algúns estados federais como Renania do Norte-Westfalia, Bremen e o Sarre están altamente endebedados.

 As exportacións representan a metade do PIB; en 2016 os excedentes das exportacións eleváronse a 256 mil millóns de euros, unha cifra obscenamente 'perigosa' mesmo para o BDI, a federación de empresarios alemáns. É unha festa nun volcán.

 Ao mesmo tempo, 25 anos de privatizacións deixaron a súa pegada. A infraestrutura está cada vez máis obsoleta. Os ferrocarrís locen a súa nova liña de alta velocidade entre Hamburgo e Múnic, pero os trens rexionais para o tráfico de proximidade cotián son demasiado caros, están ateigados e frecuentemente se cancelan. 6.000 pontes están en mal estado (entre eles 78 pontes de autoestradas): o formigón desfaise. Os edificios escolares deterióranse; o país carece de 5.000 mestres; un de cada sete adultos é un analfabeto funcional.

 O sindicato Ver.di ameaza con convocar folga porque os hospitais carecen cronicamente de persoal de enfermaría. Faltan 150.000 apartamentos, especialmente de vivenda accesíbel, porque o sector público xa non financia vivenda social. Ao mesmo tempo os alugueiros nas principais cidades aumentaron a niveis récord; o mecanismo contra os aumentos de alugueiros do goberno non funciona.

 O tesouro público ten superávit, pero o goberno cede o desenvolvemento da infraestrutura ás empresas privadas que poderían crebar e fan o goberno responsábel se os seus beneficios non corresponden coas súas expectativas. Polo tanto, o desenvolvemento das redes eléctricas intelixentes, a infraestrutura para coches eléctricos e a construción de redes de fibra óptica para unha transmisión máis rápida de Internet non avanzan.

 A desigualdade social aumentou en Alemaña desde que a coalición SPD-Verdes chegou ao poder en 1998. Alemaña é, xunto con Grecia e Portugal, o país da UE coas maiores disparidades de ingresos antes de impostos e transferencias sociais, e é o país coa maior fenda de ingresos entre homes e mulleres.

 A desigualdade da riqueza é aínda maior: o 10 por cento dos fogares posúen máis da metade dos activos. O 16 por cento está en risco de pobreza total; a taxa de pobreza infantil é do 19 por cento, e en Alemaña do Leste do 25 por cento. Esta situación transmítese xeracionalmente. O desemprego de longa duración representa o 36 por cento do total e mantense máis ou menos constante nos últimos oito anos malia os bos resultados económicos.

 A suma destes factores produce divisións que fan que a formulación dos intereses comúns de clase sexa difícil -sobre todo entre o grupo decrecente de traballadores ben pagos con contratos permanentes que fan todo o posíbel para manter os seus postos de traballo e a nova e crecente capa de man de obra barata. Estes últimos adoitan ter varios mini-empregos e traballan horas excesivamente longas e, con todo, frecuentemente teñen que solicitar subvencións de benestar social co fin de gañar a vida (isto afecta a preto de 600.000 persoas).

 Porén, estes factores tamén producen un estado de ánimo que se caracteriza por unha mestura entre o retiro á vida cotiá persoal, un descontento pasiva con todo 'o que sae mal', o desacougo polo futuro e unha vaga esperanza de que 'imos saír desta' debido á fortaleza das exportacións e a orientación de alta tecnoloxía da industria de Alemaña. Para a maioría dos alemáns -incluídos os traballadores- manter a primeira posición de Alemaña dentro da competencia internacional é o único xeito de non compartir o destino dos países do sur de Europa.

‘Non seguir así’, pero que máis?

 O lema da chanceler Merkel durante a campaña electoral foi esencialmente continuar como até o de agora! Fixo fincapé en que os alemáns están ben pagados en comparación con persoas doutros países e rexións. Do mesmo xeito que Hillary Clinton se viu obrigada a concluír que tal razoamento é perigoso, porque xa non é certo para un número crecente de persoas. En Alemaña do Leste frecuentemente era recibida con odio durante a súa campaña electoral.

 Pero as ‘cousas non seguirán igual’ despois das eleccións. A fase de bo crecemento económico non vai durar para sempre, sobre todo porque ningún dos problemas económicos estruturais foron resoltos: o exceso de capacidade industrial, o control insuficiente dos mercados financeiros, a falta de oportunidades de investimento produtivo para o capital, a escaseza estrutural de postos de traballo seguros, etc.

 Ao mesmo tempo existen os primeiros indicios de que o modelo industrial alemán, baseado sobre todo na industria do automóbil, non ten futuro. Dieselgate é moito máis que unha fraude a gran escala. É a proba de que o diésel non é unha alternativa á gasolina, porque non hai tal cousa como o diésel limpo. A gasolina é sobre todo responsábel das emisións de dióxido de carbono, o diésel da contaminación por po fino a través de óxido de nitróxeno nas grandes cidades.

 A concentración de po fino aumentou de forma masiva até o punto de que para os alcaldes a prohibición da circulación sexa a única solución posíbel –unha desfeita para a industria do automóbil. Aínda que esta última se decatou de que o coche eléctrico é inevitábel, prevé longos períodos de transición e está firmemente comprometida a aumentar a produción de automóbiles particulares. Pero en público xa hai moitas consideracións sobre a mobilidade sen automóbiles privados. Para o balance de carbono, o modelo de 'continuación da produción en masa de vehículos particulares, pero con motor eléctrico' é unha catástrofe debido a que a electricidade requirida xa non se pode producir exclusivamente con enerxía renovábel. Así, medra a presión para manter en funcionamento as plantas de lignito máis aló do límite establecido actualmente de 2050.

 Na súa forma actual, o sistema industrial de Alemaña está definitivamente en dúbida.

Puntos de partida para un cambio de sistema

 Se a isto se engade os recortes masivos de traballos debido á dixitalización da produción, é evidente que estamos ante unha crise sistémica. Esta crise debe ser concomitante cun cambio de sistema social se os obxectivos climáticos deben ser alcanzados e as necesidades sociais da poboación satisfeitas. A combinación de ambos os aspectos permite reaccionar en contra da xestión da crise capitalista dun xeito que non é exclusivamente defensivo e introducir alternativas ecosocialistas nas loitas actuais. O punto fulcral é o tema da reconversión industrial, coa creación de postos de traballo en novos sectores.

 É un tema que xa non é só teórico, senón tamén práctico. Así, as accións de desobediencia civil contra a explotación de minas de lignito en Brandenburg e na rexión do Rin provocaron conflitos cos sindicatos como Ver.di (servizos públicos) e o IGBCE (enerxía). En particular, este último tentou mobilizar os traballadores contra os ambientalistas. Pero durante o conflito tamén houbo debates comúns con gran participación da poboación local. Dentro de Ver.di formouse unha iniciativa de activistas sindicais que se dirixe aos empregados das plantas eléctricas e ás administracións municipais que son accionistas da compañía subministradora de electricidade RWE e utilizan os dividendos como parte dos seus orzamentos locais. Os movementos de protesta contra a contaminación por po fino nalgunhas cidades importantes teñen un potencial similar.

 Outra área na que os conflitos laborais deben combinarse con alternativas sociais para ter éxito é a loita contra a crise de enfermaría nos hospitais. O sindicato Ver.di trata de forzar a contratación de novo emprego mediante contratos de traballo, pero un primeiro intento na Charité de Berlín non se traduciu en melloras significativas. En Hamburgo formouse unha coalición que saíu ás rúas xunto con doentes e científicos. Só algunhas seccións locais de Ver.di son parte desa coalición. O sindicato non persegue unha liña de combinar os conflitos laborais coas mobilizacións sociais. Teñen medo de ser acusados de convocar folgas políticas, que son ilegais en Alemaña.

 A crise da enfermaría é un tema moi importante para os cidadáns. É unha oportunidade para que o movemento de mulleres -ou o que queda del- loite, xunto coas enfermeiras, as coidadoras de nenos, etc., para unha reavaliación radical do traballo reprodutivo.

 A maioría destas loitas son defensivas, malia que ás veces teñen éxito. Isto é sobre todo o caso das loitas contra a privatización dos servizos públicos como a electricidade e a auga. Nalgunhas cidades as privatizacións poderían ser revertidas coa axuda de referendos locais. A moi ampla mobilización contra o TTIP é unha desas loitas defensivas.

 Os conflitos laborais -sobre todo aqueles contra as miserábeis condicións de traballo e os baixos salarios ou contra o acoso aos comités de empresa- frecuentemente permanecen illados, mesmo se a opinión pública está ao lado dos traballadores. Os salarios de pobreza non son socialmente aceptados, mais os empregadores adoitan ter éxito á hora de mobilizar os medios de comunicación contra pilotos, controladores aéreos, condutores de trens, etc, acusándoos de ser simples defensores dos seus privilexios'.

 A xustiza social segue sendo o tema dominante. Aqueles que poidan ofrecer unha estratexia críbel para unha ruptura coa Axenda 2010 conseguirán un gran apoio. Se o SPD seguise esta orientación durante a recente campaña electoral, gañaría moitos votos e sería capaz de reemprazar a CDU/CSU -polo menos como líder de opinión. Aínda que Die Linke está claramente en contra das reformas antisociais do mercado laboral (coñecidas como 'Hartz IV') con boas propostas para a restauración da xustiza social, ten un problema: Non hai estado de ánimo para unha coalición vermello-vermello-verde; a experiencia da participación de Die Linke nas coalicións de goberno dos Estados federais como Turinxia ou Berlín non é boa. Die Linke esqueceuse rapidamente das súas grandes promesas, para perseguir a realpolitik.

 Que a saída á esquerda estea bloqueada, mentres que ao mesmo tempo a situación obxectiva está pedindo a berros un cambio achanda o camiño para un crecemento duradeiro da extrema dereita. Houbo fortes mobilizacións contra a AfD durante a campaña electoral. Pero iso non impediu o éxito electoral do partido. A AfD non será derrotada se a esquerda se limitaba a desafiala no espazo público ou a cuestionar a súa lexitimidade política, por moi importante que iso sexa. A esquerda debe socavala mostrando que ten mellores solucións á actual crise.

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 12 de outubro de 2017]