Alberto Gonçalves, reelixido secretario comarcal da CIG de Vigo por unanimidade
Alberto Gonçalves Herrero foi reelixido secretario comarcal da CIG-Vigo por unanimidade (235 votos) na VII Asemblea celebrada este sábado no Centro Cultural e Veciñal de Valadares. A candidatura de consenso para a Executiva Comarcal, que tamén encabezaba Gonçalves, sumou 230 votos a favor e 5 en branco; e a lista de representantes da bisbarra no Consello Confederal saíu adiante con 229 votos favorábeis e 6 en branco. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que tomou a palabra no acto de clausura, salientou a demostración de forza que supón a celebración simultánea das sete Asembleas Comarcais, “nas que se concentra o máis comprometido e capaz do sindicalismo combativo e de clase que representamos”.
Composición da nova Executiva Comarcal:
1. Alberto Gonçalves Herrero.
2. Chelo Lago Mariño.
3. Anxo Igrexas Covelo.
4. Rosa Mª Chantada Abollo.
5. César Rodríguez Martínez.
6. Beatriz Caamaño Rascado.
7. Ricardo Posad a Argibay.
8. Raquel Pérez Fernández.
9. Xabier Pérez Igrexas.
10. Mercedes Domínguez Santomé.
11. Jesús Díz Gómez.
12. Marta Gonzalo Correa.
Galería de imaxes da VII Asemblea Comarcal da CIG de Vigo
Durante a súa intervención, Carril fixo fincapé na necesidade de reforzar a organización e o rearme ideolóxico para enfrontar os brutais ataques que está a padecer a clase traballadora e de afondar na cohesión interna “para multiplicar a nosa capacidade de resposta e mobilización”. Ao mesmo tempo, lembrou que o proxecto sindical que representa a CIG sería imposíbel sen o traballo que día tras día desenvolve a afiliación “e sen o compromiso de todos e todas”.
Por outra banda, debullou os principais retos que enfronta a central sindical nos vindeiros anos. “No organizativo, temos por diante a consolidación como principal forza en afiliación e converternos tamén na primeira forza do país en representación”.
Tamén avogou pola necesidade de dar unha resposta “imaxinativa e atrevida” que estea “á altura das actuais circunstancias”. Neste punto, citou como exemplo a recente convocatoria de folga no sector do metal da Coruña, xa que segundo indicou, é paradigma do que hoxe é a CIG, “unha central que tivo que vencer nos seus inicios todo tipo de atrancos e oposicións”.
En canto á última proposta de unidade achegada polo sindicalismo estatal, Carril afirmou que “a unidade sindical vese na loita concreta, no día a día, non nas grandes declaracións dende proxectos que pretenden reproducir un sindicalismo amarelo e vertical”.
Para rematar, a modo de resume citou o lema baixo o que se celebrou o recente VII Congreso Confederal: “Coa CIG somos máis fortes”, que relacionou co escollido para este proceso comarcal pola Unión Comarcal de Vigo: “Loita obreira nas empresas e na rúa. Non nos resignamos! Por unha Galiza ceive e sen explotación”.
Catro anos de intensa actividade sindical
O Informe de Xestión da Executiva Comarcal saínte, que foi aprobado tamén por unanimidade (261 votos) incide en que a situación sociolaboral da comarca caracterízase por un elevado desemprego (por volta das 80.000 das persoas sen traballo no conxunto da área de influencia), desertización produtiva –cun importante desartellamento do sector industrial– e aumento da precariedade, unha realidade que afecta de maneira especial á mocidade e ás mulleres. Tamén alerta sobre os preocupantes os indicadores de desprotección social e pobreza, con máis de 65.000 persoas pobres só na cidade de Vigo e milleiros de fogares sen ningunha fonte de ingresos.
Segundo se recolle no documento, diante da ofensiva do capital contra a clase traballadora a resposta ten sido dunha importante conflitividade sindical con folgas, protestas e mobilizacións nas que o sindicato ten sido motor decisivo desa conflitividade. Con todo, constátase unha minoración da resposta sindical e un descenso da conflitividade derivada do reacomodamento do sindicalismo estatal no diálogo social e a concertación. “Unha actitude que fica retratada na negativa destes sindicatos a promover unha folga xeral comarcal, tal e como propuxemos de maneira reiterada dende a CIG, e para a que existen evidentes causas obxectivas que a fundamentan”.
Esta ofensiva patronal, auspiciada polas reformas antiobreiras e pola complicidade gobernamental da Xunta e do Goberno español, foi contestada de maneira contundente por parte da CIG. O sindicato pulou polo aumento da conflitividade, apostando con firmeza na vía da mobilización, a protesta e a folga non só para frear os ataques do empresariado senón tamén para avantar na conquista de melloras nas condicións salariais e laborais.
Conflitividade en todos os sectores
No texto detállase que a conflitividade atinxiu de maneira transversal a práctica totalidade dos sectores, tanto a grandes empresas como a PEMEs, co obxectivo de reaxir contra a destrución de emprego (despedimentos, EREs), o peche de empresas, o incumprimento de condicións (atrasos salariais), a negociación colectiva (inaplicación ou mellora) e a defensa dos servizos públicos. Entre os principais conflitos derivados da defensa do emprego cítanse os de Tómovil, servizo de comedor de PSA-Citröen, Gestamp, Unísono, Conservas Alonso, Residencia Valle Inclán, Agasfra, Gadis, Bosch, Eroski, Familia, cafetaría do hospital do Meixoeiro, Dalphimetal/TRW, Vodafone, Plastic Omnium (Redondela) ou Media Markt.
O rexeitamento a Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) fíxose presente en Biofabri, Novagalicia Banco, Banco Caixa Geral, Banco Popular-Pastor, Hermanos Rodríguez e Pescatech, Maderas Iglesias, Gestamp do Porriño, Povisa ou Isolux-Corsán. Tamén se enforntaron peches de empresas, como no caso de Auxinaval, Pórtico, Alfageme, e continúase a defender os dereitos do persoal do extinto GEA.
O bloqueo patronal da negociación colectiva, grazas á reforma imposta polo PP, e o reiterado incumprimento dos convenios, coa omisión da Consellaría de Traballo como autoridade laboral, foi unha das principais causas da conflitividade durante o último cuadrienio. Por esta cuestión tiveron lugar mobilizacións en Axa Seguros, Povisa, Clece, as obras públicas, Faurecia-Asientos, Denso, concesionario MOSA, GKN, Kauman, Concello de Vigo, o sector do metal, Alonarti Envases, Lidl, sector bancario, centros de chamadas, Ambuibérica, Dinak, Viza Automoción, BorgWarner, comercio alimentación, sector de ambulancias, residencias privadas de terceira idade, Componentes, Inditex, sanidade privada, Otis, as obras de construción do centro comercial Bandeira (Vigo) ou o servizo de limpeza de PSA-Peugeot Citroën (Clece).
Ao mesmo tempo, lémbrase que este afán combativo da central volveu topar, máis unha vez, co agravamento da represión por causa da ofensiva gobernamental emprendida polo Partido Popular coa denominada Lei mordaza ou coa reforma, regresiva, do Código Penal. Un exemplo desa represión foi a condena a tres anos de cadea aos compañeiros Carlos Rivas e Serafín Rodríguez por teren participado nunha folga, e a negativa do PP a concederlles o indulto.
Primera forza sindical da bisbarra
No informe tamén se valora o feito de que a CIG continúa a ser a primeira forza sindical na comarca, con 1175 representantes e unha representatividade do 31,96% (período concentrado). A nivel sectorial é primeira forza nas federacións de Servizos (36,14%), Industria (34,27%), Construción e madeira (37,43%), Banca (31,56%) e Administración pública (34,34%); segunda forza en Saúde (19,57%) e FGAMT (28,55%); e terceira (a nivel formal por computar parte dos resultados na comarca de Pontevedra) en Ensino (14,83%). Somos tamén a primeira forza sindical en todas as Unións Locais que integran a comarca: Vigo (30,57%), O Morrazo (33,60%), O Porriño (34,59%) e O Baixo Miño (57,50%).
A nivel organizativo, menciónase o relevo que tivo lugar na Secretaría Comarcal tras a renuncia voluntaria por incompatibilidade de Serafín Otero, por ser designado candidato á Alcaldía de Vigo nas eleccións municipais de maio de 2015, sendo substituído por Alberto Gonçalves por acordo da Dirección Comarcal do 10 de decembro de 2014 a proposta da Executiva Comarcal.
Outra das cuestións sobre as que se fai fincapé, pola súa importancia, é a creación da Asemblea de persoas desempregadas e a posta en funcionamento o Colectivo de pensionistas e xubilados/as, así como do Plan de Axuda Alimentar Solidario, do que na actualidade se benefician 30 familias e unhas 80 persoas que atravesan dificultades económicas.
En canto ao contexto político, sinálase que a pesar da dureza das políticas antiobreiras e os recortes antisociais, a dereita neoliberal e españolista representada polo PP continúa á fronte dos Gobernos galego e español. Diante disto, e atendendo a oportunidade que brinda o feito de non ter o PP maioría absoluta nas Cortes españolas, considérase mecesario redobrar a aposta na autoorganización da clase traballadora, fortalecendo o proxecto sindical nacionalista, de clase, combativo e asembleario que representa a CIG.
Afondar no fortalecemento da organización
O recén reelexido secretario comarcal da CIG-Vigo foi o encargado de pechar o acto. Alberto Gonçalves iniciou a súa intervención lembrando que o proxecto que representa a central, foi erguido “sobre o compromiso militante de milleiros de homes e mulleres que, como o compañeiro Suso Seixo, ex secretario xeral da CIG, que hoxe nos acompaña nesta asemblea, dedicaron o mellor de si mesmos e grande parte da súa vida a facelo posíbel”.
Tamén salientou a entrega, compromiso, militancia, coherencia e determinación “como a que con absoluta xenerosidade practicou o compañeiro Serafín Otero, durante os seis anos que foi secretario comarcal da CIG de Vigo até o pasado ano 2014, pero tamén durante as varias décadas que leva a axudar a construír o sindicalismo nacionalista e de clase”.
Neste punto fíxolle entrega dun agasallo en recoñecemento do seu labor. “Non lle entregamos esta fotografía da histórica folga xeral do pasado 14 de novembro de 2012 por nostalxia; entregámoslla dende o compromiso de que non pode pasar moito máis tempo sen que esta comarca vaia, si ou si, á folga xeral”.
Advertiu que nos atopamos baixo a ameaza dunha nova contrarreforma laboral e das pensións e incidiu na necesidade de que o movemento obreiro estea máis preparado e organizado que nunca para enfrontar estes ataques, alargando a conflitivdade e apostando poñla mobilización. “Dicímolo con claridade: non é hora de pacto social, de entreguismo, nin de concertación; non é hora de negociar o alcance da nosa derrota, senón de apostar por dar a batalla para recuperarmos os dereitos que xa nos roubaron e para conquistar a mellora das nosas condicións de vida e de traballo.
Neste senso, subliñou que é tarefa indispensábel o fortalecemento da organización sindical e o traballo para sumar e organizar a máis clase traballadora consciente. “Temos que seguir a incrementar a nosa afiliación, a afianzar a nosa presenza nos centros de traballo e nas empresas, e a procurar máis e maiores espazos de participación dos afiliados/as.
Finalmente, apostou por continuar a consolidar a representatividade da CIG como primeira forza, co obxectivo de selo non só no cómputo xeral da Unión Comarcal senón en todos e cada un dos sectores. “Porque alí onde a CIG é forte, onde o sindicalismo nacionalista e de clase é determinante, a clase traballadora é máis forte e a patronal terá enfronte un sindicato combativo disposto a dalo todo en defensa dos nosos dereitos”.
O proceso asambleario da CIG de Vigo pechouse coa interpretación do Himno galego, unha vez saudadas as delegacións convidadas -no caso da CGTP-IN o seu representante fixo unha breve intervención- e lidas as distintas resolucións. Ao inicio do acto cantouse a Internacional, e Tino Vaz foi o encargado da actuación musical, da que os asistentes puideron gozar até en dúas ocasións durante a Asemblea. Tamén se proxectou un traballo audiovisual no que se repasan os principais conflitos nos que a Unión Comarcal estivo presente nos últimos catro anos.
Representantes da comarca no Consello Confederal:
1. Alberto Gonçalves Herrero.
2. Chelo Lago Mariño.
3. Anxo Igrexas Covelo.
4. Rosa Mª Chantada Abollo.
5. César Rodríguez Martínez.
6. Beatriz Caamaño Rascado.
7. Ramón Eugenio Nodar Freiría.
8. Raquel Pérez Fernández.
9. Xabier Pérez Igrexas.
10. Pilar Rodríguez Pérez.
11. Fernández Portela, Serafín.
12. Marta Gonzalo Correa.
13. Arturo Domínguez Míguez.