“Agardamos a nulidade dos despedimentos en Transegre”
O xuízo polos dous despedimentos de candidatos da CIG nas eleccións sindicais en Transegre, efectuados nun contexto “gravísimo” de total vulneración dos dereitos máis básicos, vén de quedar hoxe visto para sentenza. Durante o mesmo, ducias de delegados/as arrouparon os despedidos cunha concentración diante da sede dos xulgados do social de Pontevedra.
Unha semana despois de coñecerse a elevada sanción de 30.000 euros proposta por Inspección de Traballo por dificultar o proceso de eleccións sindicais, cuestión que este organismo valorou como “moi grave”, vén de quedar visto para sentenza o xuízo polos dous despedimentos.
Desde a CIG-Pontevedra, onde se manteñen altas expectativas en favor da nulidade dos ceses, aseguran que os testemuños evidenciaron as coaccións da dirección, que despois do preaviso de eleccións interrogou o persoal na procura da súa filiación sindical.
Unha medida previa ao despedimento “ficticio e sen base legal” dos dous candidatos que concorrían pola CIG nun proceso encetado pola central nacionalista e inzado de irregularidades por parte da empresa, que incluiu o peche das portas das instalacións aos representantes sindicais no propio día das votacións.
Despois dunha longa campaña de protestas en prol das readmisións, o cerco legal vaise estreitando sobre Transegre, e todo a pesar de que a dirección tenta demorar o máximo posíbel os prazos. E é que con posterioridade á sanción, hai pendente un xuízo polo recurso que a empresa interpuxo contra o Laudo emitido polo mediador laboral José María Casas de Ron, e no que se constatou a falla de limpeza nas eleccións e a obriga de repetilas, incluindo no censo os dous despedidos.
Tamén a denuncia penal presentada pola CIG contra Transegre, proceso que botará a andar o vindeiro 28 de novembro coa declaración de Xabier Aboi (FGAMT) e Marcos Conde (secretario comarcal da CIG-Pontevedra), que alén de pedir “axilidade á xustiza” agardan unha sentenza “exemplarizante”.