Admitida a trámite a demanda da CIG e ELA contra a Administración do Estado por vulneración do dereito á negociación colectiva

A central sindical convoca concentración para o vindeiro mércores 18 de marzo, na Delegación do Goberno na Coruña
Nacional - 12 Mar 2026

O Tribunal Central do Contencioso Administrativo vén de admitir a trámite o recurso presentado polas centrais sindicais maioritarias en Galiza e Euskadi, a CIG e ELA, pola vulneración do dereito á negociación colectiva na tramitación do acordo de actualización salarial asinado entre o Goberno do Estado e os sindicatos UGT, CCOO e CSIF o pasado mes de novembro.

Tanto CIG como ELA foron excluídas de participar na negociación ao presentarse na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, órgano no que se debe negociar esta materia, un acordo xa asinado días antes “e negociado ás escuras en despachos da administración unicamente cos sindicatos estatais”.

Esta demanda procura unha nova negociación que respecte a representación de todas as forzas sindicais con dereito a participar dela e que procure melloras substanciais nos dereitos do persoal empregado público fronte a un acordo que se ten demostrado lesivo para as traballadoras e traballadores. A Área Pública da CIG (Administración Pública, Saúde e Ensino) denuncia que as subas salariais recollidas nese acordo "non só son insuficientes para recuperar os dereitos recortados ao persoal do sector público, senón que ademais afondan na perda de poder adquisitivo que se vén acumulando durante as últimas décadas".

Así, a suba do 2,5% acordada para o ano 2025 quedou por baixo do IPC, dun 2,9%, afondando na perda da capacidade adquisitiva que supera o 20% dende 2010. No actual contexto bélico e as súas consecuencias sobre os prezos, é máis que previsíbel que o IPC para o ano 2026 sexa aínda superior, quedando moi por baixo da suba do 2% asinada para a actualización salarial.

Aclaran que a  demanda presentada por CIG e ELA "non pretende nin pode paralizar a suba salarial xa aplicada". No contrario, pretende mellorar as condicións do acordo procurando medidas que permitan recuperar os dereitos que foron recortados ás empregada es empregados públicos nas últimas décadas, comezando polo estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial que permita revisar automaticamente os salarios públicos conforme ao IPC real, para poñer freo á perda de poder adquisitivo.

Concentración o día 18

Neste contexto, a Área Pública da CIG  convoca unha concentración fronte á Delegación do Goberno na Coruña o próximo mércores, 18 de marzo, ás 11:00 horas, para reclamarlle á administración estatal a toma en consideración das reclamacións recollidas na demanda, e as reivindicacións da CIG para a recuperación dos dereitos roubados ao persoal a servizo das administracións públicas.