Adiada a folga na recollida do lixo de Ponteareas tras achegar posturas sobre o convenio
O cadro de persoal de persoal de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo, limpeza viaria e punto limpo do Concello de Ponteareas, acordou onte en asemblea adiar 15 días o inicio da folga indefinida prevista para hoxe unha vez que a mediación do Goberno local fixo posíbel un achegamento de posturas entre a empresa e a representación sindical a respecto do convenio colectivo.
Segundo explica Pedro Pérez, da CIG-Servizos, a decisión adoptouse tras máis de cinco horas de xuntanza entre as partes, encontro que rematou cunha serie de cuestións perfiladas que primeiro deberán confirmarse mediante un preacordo na vindeira reunión, fixada para o vindeiro 11 de outubro, preacordo que despois terá que ser ratificado polos traballadores/as en asemblea.
Só deste xeito ficaría desconvocada a folga, xa que do contrario daría comezo ás 6:00 horas do día 13. De feito, a representación sindical -1 delegado de persoal da CIG- impugnou hoxe mesmo os servizos mínimos fixados, que considera abusivos.
Pérez detalla que no encontro de onte abordouse que a duración do convenio será de catro anos, establecéndose un incremento salarial do 12% durante ese período. Ademais, puxéronse enriba da mesa outras melloras tanto económicas como de carácter social para os 22 traballadores/as do servizo.