"Adecuación dos recursos de hospitalización á actividade asistencial", novo eufemismo para o peche de camas
CIG-Saúde denuncia que, un ano máis haberá peche de camas no HULA, aínda que desta volta o Sergas pretende ocultar esta realidade cualificando a decisión de “adecuación dos recursos de hospitalización á actividade asistencial”. Deste xeito, engaden, unidades co 100% de ocupación ao longo do ano son pechadas sen consideración ningunha, "sen ter en conta a necesidade da poboación e nin as necesidades do persoal".
A comunicación remitida pola xerencia recolle o tanto por cento de camas que permanecen operativas, "mais non di en absoluto o prexuízo que para doentes e profesionais pode supor tal cuestión". De feito, subliña Carme Aira, Secretaria da CIG-Saúde de Lugo, os/as doentes rara vez estarán ingresados na Unidade que corresponda á súa especialidade. Tampouco resulta esta unha situación doada para os/as profesionais que, cun cadro de persoal sen apoio ningún, terán que facerse cargo de multitude de especialidades mesturadas, con protocolos e necesidades moi diferentes.
"Coma todos os anos non será certo que se hai necesidade se vaian abrir as distintas unidades, nin sequera cantas camas estarán pechadas de xeito 'pantasma', a cuestión sempre está en relación coa definición dos criterios de 'necesidade'", censura Aira.
Doutra banda, a estas alturas o persoal descoñece onde vai desenvolver o seu traballo durante o verán, e ademais, como aconteceu outros anos, "acabarán sendo un pool de substitución por toda a casa".
Neste senso, subliñan que nunha época onde prima a alta especialización, o control dos rexistros e a seguridade dos/as doentes "resulta que o Sergas ten como bandeira política mesturalo todo, para que tanto doentes como profesionais se sintan o peor posíbel".