Acusan á Xunta de “machismo institucional” por ser incapaz de negociar o Plan de Igualdade
A CIG-Administración Autonómica denuncia que 14 anos despois da obrigatoriedade dos Plans de Igualdade para as Administracións Públicas, a Xunta de Galiza non conta con esta ferramenta que analiza a situación nas empresas, detecta posíbeis discriminacións e establece medidas de corrección para avanzar no camiño da igualdade de oportunidades para todos/as.
O incumprimento normativo da Xunta de Galiza en materia de igualdade é “flagrante”, segundo a CIG-Administración Autonómica, “tanto a nível estatal (Texto Refundido do Estatuto Básico do Empregado Público) como autonómico (Lei de Emprego Público de Galiza e Decreto Lexislativo 2/2015, polo que se aproba o Texto Refundido das disposición legais da Comunidade Autónoma de Galiza en materia de Igualdade)”.
Explican que Función Pública “insiste na súa errada concepción do que é a negociación e amosa o pouco que lle importa cumprir ca legalidade da Lei Orgánica de Igualdade do ano 2007”, a cal obriga a contar cun “conxunto ordenado de medidas adoptadas despois de realizar un diagnóstico de situación, tendente a alcanzar na empresa a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes e a eliminar a discriminación por razón de sexo”.
Lembran que a finais de xullo, Función Pública anunciou que estaba a realizar unha diagnose de forma unilateral que se presentaría, á representación do persoal, en setembro e que xa no ano 2019 presentaran unha diagnose “chea de erros cualitativos e cuantitativos e sen cumprir os requisitos de negociación ca representación do persoal, tal e como obriga a lei”.
Denuncian, por iso, que nesta nova oportunidade pretenden facer o mesmo, “marearnos outros cantos anos máis”.
Recollida de datos para facer a diagnose
Lembran ademais ao director xeral da Función Pública que a recollida de datos é a chave que permitirá facer unha boa diagnose “para facer visíbeis os atrancos e detectar os impedimentos a igualdade de oportunidades real e efectiva” entre o persoal empregado público da Xunta de Galiza. Por iso entenden que esta recollida de datos “ten que ser sistemática e precisa, recollendo os datos necesarios e obviando os superfluos e, por suposto, non pode ser decidida de forma unilateral pola empresa”.
Por iso a CIG-Administración Autonómica exixe, unha vez máis, que se cumpra a legalidade e se elabore o “I Plan de Igualdade”, que atinxirá a arredor de 23.000 empregadas e empregados públicos/as. “É a ferramenta indispensábel para garantir a igualdade efectiva de mulleres e homes no traballo, nos salarios, na conciliación familiar-laboral, na promoción laboral, na formación ou na carreira profesional, no teletraballo…, eliminando as desvantaxes, dificultades e atrancos que sofren as mulleres traballadoras no seu día a día laboral”.
Machismo institucional
A CIG-Administración Autonómica reclama ademais que se retome a negociación e se conoque a comisión negociadora. Advirte ademais que esa forma unilateral de proceder “é contraria á negociación colectiva e a normativa que regula os Plans de Igualdade”.
Neste sentido subliña que “é obriga da Xunta de Galiza ser parte activa e dinámica na implantación de políticas de igualdade, comezando polo seu propio persoal coa negociación do Plan de Igualdade. Seguir nesta postura negativa e de pasividade só amosa a falta de compromiso da administración galega coas políticas prácticas de Igualdade, limitando a súa acción a simples declaracións institucionais en días sinalados e á aprobación de Leis que despois non se cumpren”.
De persistir nesta actitude, que cualifican de machismo institucional”, tomarán as medidas oportunas para que se posibilite a igualdade de oportunidades e se acabe con moitos dos atrancos existentes que imposibilitan a plena integración da muller na vida laboral.