Acusan a Xunta de complicidade co maltrato a persoal e usuarias nas residencias de maiores públicas
O comité de empresa do persoal laboral da Consellaría de Política Social na provincia de Pontevedra desenvolveu hoxe unha concentración diante da delegación da Xunta en Vigo para denunciar a complicidade da Administración autonómica coa maltrato que padecen a diario as persoas traballadoras e as usuarias das residencias de maiores públicas.
Representantes do comité aproveitaron a protesta para alertar sobre a “situación límite” que vive o persoal -maioritariamente mulleres de máis de 50 anos- das residencias de maiores, en especial o do CRAPD Vigo 1, “a causa das continuas agresións físicas, psíquicas e verbais por parte de certas persoas usuarias”.
Responsabilizan desta situación á política de “permitir, consentir e avalar” que nun espazo residencial de maiores se atenda “inadecuadamente” a colectivos que presentan distintas problemáticas. “Este tipo de centros non foron deseñados (arquitectonicamente) para atender a persoas con problemas psiquiátricos, de adiccións ou con outras casuísticas, e non contan con persoal formado nin con medios especializados para atender a estas patoloxías”.
En consecuencia, rexístranse a diario incidentes como ameazas, insultos, agresións ou menosprezos, provocando un incremento do estrés laboral que pon en risco a saúde tanto física como mental das persoas traballadoras, “que se ven obrigadas a desenvolver o seu labor con medo”.
Até punto de que cualifican de “maltrato institucional” por parte da Xunta e da Consellería o que lles está a acontecer aos cadros de persoal e á maioría das persoas usuarias. “De persistir esta situación arriscámonos a padecer algunha situación extrema de violencia con consecuencias irreparábeis que todas/os lamentariamos”.
Lembran que dende hai xa tres anos veñen denunciando que co ingreso neste tipo de centros de persoas con patoloxías psiquiátricas ou adicións, a convivencia faise practicamente imposíbel. “Tanto as persoas maiores como o persoal sofren agresións a diario mentres a Consellaría mira para outro lado a pesar de que mantivemos até tres xuntanzas coa Secretaría Xeral Técnica para abordar esta cuestión”.
Agresións sexuais
Neste contexto, en setembro do 2023 unha traballadora foi vítima dunha agresión sexual que o comité levou á Fiscalía e que a propia afectada denunciou no xulgado a instancias da Fiscalía. “Nesa ocasión tamén nos puxemos en contacto coa Consellaría e denunciamos publicamente a situación, advertindo que a falta de persoal ameazaba a nosa integridade”.
Seguimos ademais con reunións, propostas e denuncias no Departamento Territorial e na Secretaría Xeral Técnica “e nada se fixo”. Lamentan que a propia conselleira limítase a responderlles que non se pode estigmatizar as persoas usuarias, “cando este comité só pretende unha atención axeitada tanto para as persoas con patoloxías psiquiátricas (non hai psiquiatras nos centros) como para o resto das persoas usuarias”. Tamén en setembro 2023 cursaron escrito á Fiscalía instando a que se tomasen medidas e se achegasen solucións para a protección das persoas usuarias e do persoal.
Mentres que no pasado mes de abril participaron nunha mobilización conxunta dos catro comités de empresa de Política Social e do Comité Intercentros para reclamarlle á Consellaría solucións axeitadas”. E en setembro volveron posicionarse en contra do ingreso deste tipo de persoas nestes centros mentres compartan o mesmo espazo, mesmo persoal e mesmos tempos que as persoas maiores.
“Agora volvemos mobilizarnos despois de que os medios de comunicación recollesen o anuncio de que, por decisión xudicial, persoas responsábeis de delitos tan graves como homicidios ou agresións sexuais poderán ser derivadas a este tipo de centros, que non contan nin co espazo nin co persoal necesario e formado para poder atendelas en óptimas condicións”.
Neste senso, queren deixar moi claro que tanto as persoas maiores como as persoas de emerxencia social merecen unha atención e un trato digno, “pero somos conscientes de que non se lles pode dar ese trato aos dous colectivos ao mesmo tempo, no mesmo espazo e co mesmo persoal, xa que é inviábel”.
Diante disto, presentaron denuncias na Inspección de Traballo e ante a Valedora do Pobo pola falta de persoal -sobre todo nas quendas de noite- “e por toda a situación que estamos vivindo, pero a conselleira segue sen tomar medidas para protexer o persoal mentres, de foto en foto e de inauguración en inauguración, nos acusa de estigmatizar as persoas usuarias”, rematan.