A Mancomunidade do Val Miñor pon en risco 29 empregos ao non intervir na temperatura da auga da piscina
Dende a representación sindical na piscina do Val Miñor, da CIG, acusan a Mancomunidade de poñer en risco 29 postos de traballo ao non intervir na problemática derivada da baixada da temperatura da auga por parte de Serviocio, a empresa concesionaria da xestión, para aforrar custes enerxéticos, o que está a provocar numerosas queixas de persoas usuarias e abandono de socios/as.
Consideran que o ente supramunicipal integrado polos Concellos de Nigrán -localidade na que se ubica a piscina-, Baiona e Gondomar estalle a dar as costas a milleiros de veciños/as ao permanecer “impasíbel” neste conflito e non dar solución nun servizo tan básico como o que presta a piscina mancomunada.
Lembran que nun primeiro momento as múltiples queixas recibidas pola baixa temperatura da auga propiciaron unha reunión entre o presidente da Mancomunidade, Juan González, e o máximo responsable de Serviocio, Roberto Ramos, na que se sentaron as bases para un acordo sobre o mantemento da temperatura en 28ºC e a non renovación da concesión máis alá da súa finalización en maio 2023. “Pero meses despois, e tras o informe emitido polo secretario da Mancomunidade, vemos que esa xuntanza non pasou de ser unha conversación informal, podendo a temperatura da auga estar en menos de 28ºC por atoparse dentro dos límites legais establecidos por Sanidade”.
Por iso consideran que se está a xogar co servizo e con 29 empregos, e cualifican de “lamentable” que quen ten que velar polos intereses dos seus cidadáns “quede de brazos cruzados e non bote man dun diálogo tan necesario para levar a bo fin un problema xerado, entre outros, polos disparados custos de enerxía”.
Neste senso, agardan que se hai catro anos os alcaldes da Mancomunidade foron capaces de facer a reapertura do centro subidos a unhas máquinas “co mellor dos seus sorrisos”, cando aínda non chegaran as máquinas ao centro, “agora teñan a mesma disposición para solucionar unha problemática que até o de agora non foron quen de arranxar”.