Acusan a Consellaría de Educación de mentir sobre o profesorado do CIFP Fermín Bouza Brey de Vilagarcía
O pasado día 22 de xullo a Consellaría de Educación saía ao paso da denuncia feita pola CIG-Ensino a respecto do que o CIFP Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa non contaba co persoal docente especializado necesario para iniciar o curso afirmando que “dotará de profesorado especializado” este centro educativo.
Mais dende a central sindical sinalan que no día de onte a Consellaría publicou a Resolución Provisional do Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais (CADP), mecanismo polo que o departamento autonómico dota do profesorado provisional a aqueles centros que non contan co profesorado con destino definitivo suficiente nos seus cadros de persoal.
Será o profesorado de Formación e Orientación Laboral e Procedementos Sanitarios e Asistenciais quen teña que impartir as aulas do ciclo como 'módulos afíns' dos que, obviamente, non son especialistas
No caso concreto do CIFP Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa -como así o denunciara a CIG-Ensino- ao tratarse da implantación dun novo ciclo de FP, e ao centro non contar con profesorado definitivo das especialidades da Familia Profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade (especialidades estas con atribución docente nos novos módulos de Formación Profesional que se van impartir), é preciso que na previsión de vacantes se contemplase profesorado desta familia profesional.
“A escasos dous meses para o inicio do curso académico 22-23, unha vez publicada pola propia Consellaría a Adxudicación Provisional do CADP, podemos comprobar con asombro como a o departamento autonómico mentía á mantenta o pasado día 22 de xullo e non adxudicou ningunha praza das especialidades do ciclo ao centro (Servizos á Comunidade e Intervención Sociocomunitaria). Polo que será o profesorado das especialidades de Formación e Orientación Laboral e Procedementos Sanitarios e Asistenciais quen teña que impartir as aulas do ciclo “como módulos afíns”, dos que, obviamente, non son especialistas.
Dende a CIG-Ensino lembran que a Consellaría se gababa no seu momento de que a Xunta ía reforzar dende o vindeiro curso as ensinanzas de Formación Profesional na comarca. “Pois ben, esta é a estratexia do Partido Popular e da Xunta para reforzar a FP, poñendo a funcionar ciclos sen profesorado especialista, sendo isto aínda de maior gravidade nun centro no cal o ciclo é de nova implantación”.
Diante disto, na central xa lle trasladaron á Xefatura Territorial o seu “absoluto desacordo” con este xeito de proceder, “pois está fundamentado nos recortes no ensino público que vén aplicando esta Consellería dende hai anos”. Ao tempo que lle exixen ao departamento autonómico “que rectifique, que deixe de mentir e dote do profesorado necesario ao centro para que o alumnado non teña que sufrir os recortes que dende sempre vén aplicando o PP”.