Acumúlanse as irregularidades nos procesos de acceso a Navantia
No marco do problemático proceso de acceso a Navantia, a sección sindical da CIG advirte que se admitiu a presenza dunha persoa ("de coñecidos apelidos na antiga Bazán e Navantia") na convocatoria de prazas de acceso malia recoñeceren CCOO e MAS que non existían garantías de que cumprise os requisitos de acceso. O despropósito desta admisión, engaden, "foi de tal calado que o representante de MAS chegou a se ofrecer ante a representación da dirección para acudir ao xulgado a defender esta decisión se é necesario". Para valorar o alcance da decisión, hai que lembrar que centos de persoas ficaron excluídas por non poderen acreditar o cumprimento dalgún requisito.
Mais, indica a sección sindical da CIG, este non é un caso illado, xa que se acumulan as problemáticas:
- Continúa a opacidade nas probas de inglés x que se fan nunha localización descoñecida, permanece o veto a que unha persoa de Manpower participe nas xuntanzas tal e como está asinado e, finalmente, é imposíbel verificar se unha persoa superou realmente ou non o requisito exixido.
- Baleirado de competencias no seo da Comisión de Emprego ao impedir Recursos Humanos, coa aceptación de CCOO e MAS, que o órgano decida se o currículo dunha persoa TS sénior se adapta ou non aos requisitos das bases. A Comisión necesita asesorarse co departamento para onde vai destinado o posto de traballo, mais a decisión non pode ser por “dedocracia” da xefatura do departamento como está a acontecer.
A sección sindical da CIG explica que este proceder é utilizado polo respectivo departamento para deixar a praza baleira, sen candidatas/os admitidas/os ou para permitir pasar a dúas ou tres persoas para a fase de entrevistas, "xa que isto anula a fase da baremación pois pasan ás entrevistas tres persoas por praza, sen ningunha nota de corte". A este respecto, lembran que a baremación "era a única fase que se aproximaba aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, ficando a selección a expensas fundamentalmente das entrevistas, o cal é intolerábel nunha empresa pública".
Por iso, a CIG exixe que se modifique no futuro e advirte que acudirá ao xulgado para tratar de impedir que isto se repita na vindeira convocatoria de prazas de acceso.
- Erros no texto publicado na web para prazas de Fene que dificultan o acceso á información deixando tiradas a persoas que non puideron recorrer dentro dos tres días de prazo.
- Problemas detectados en Ferrol reprodúcense en Fene, malia teren sido resoltos en Ferrol.
A representación da CIG apunta que "tras moito teimar na necesidade de que se asinen as actas onde se terían que recoller moitas das decisións que denunciamos no seu momento, acadamos algunha do ano 2019, permanecendo ducias de 2020, 2021 e 2022 sen asinar. Sucede por desexo da maioría da parte social, especialmente polo representante de MAS, que utiliza o cargo de coordinador da Comisión para paralizar o proceso de asinado de actas".