Acordo no servizo de mantemento do CHUO permite desconvocar a folga prevista
A empresa Serveo, concesionaria do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), accedeu finalmente a ampliar o cadro de persoal e a atender unha serie de demandas laborais que quedaran pendentes dende o anterior conflito laboral, o que permitiu desconvocar as seis xornadas de folga previstas.
O preacordo, que foi ratificado o pasado luns por unanimidade da asemblea de traballadores, contempla dúas novas contratacións para este ano e o compromiso de ampliar o cadro de persoal nos vindeiros exercicios. Tamén se fixa que o persoal mínimo nos meses de xullo e agosto ten que ser igual ao do resto do ano, así como a cobertura das baixas de pouca duración. E mantense a semana de libranza durante o verán.
Con respecto ás categorías profesionais, establécese un prazo de dous meses para que a empresa aborde co delegado de persoal e co comité de folga a elaboración duns puntos que terán que cumprir as persoas traballadoras que soliciten un aumento de categoría.
Ademais, aplicarase un incremento salarial e o complemento de nocturnidade cando se traballe en horario nocturno e descansos, coberturas que terán un incremento do 10% sobre a hora extra. Abonarase tamén a hora nocturna de 22:00 a 23:00 horas, con atrasos dende xuño de 2024. E ampliarase o pago do plus tóxico, penoso e perigoso a todas as persoas traballadoras que non o están a percibir, así coma para as novas incorporacións.
Contémplase tamén un pago de 100 euros os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro nas catro quendas, que aumentará coas subidas do convenio a partir de 2027. E un incremento dun 15% nos conceptos de domingos, festivos e gardas. Tamén mellorarán as retribución das gardas de fin de semana nun 25%.
Tras a ratificación deste acordo, que contempla melloras que quedaran pendente tras o conflito laboral que motivou 110 días de folga en 2028, as seis xornadas de paros previstas para os días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de febreiro quedaron desconvocadas.