Acordo no convenio do servizo de limpeza e recollida do lixo de Ponteareas
O persoal de FCC en Ponteareas ratifica o preacordo acadado o pasado xoves 10 entre a patronal e a CIG, e que pon fin ás discrepancias na aplicación dos salarios acordados en 2015 tras unha folga de catro xornadas. Chégase, así, a unha “solución transitoria” na que a empresa asume a interpretación da central no tocante ás táboas salariais de 2015.
As dúas partes contemplan este acordo como “transitorio”, en aras de superar a situación de parálise na negociación, e consideran “fechado” o proceso no referente ao 2015.
O documento recolle idénticas condicións laborais de aplicación para 2015 que as referentes ao texto de 2014. Actualízanse, porén, as táboas salariais -sobre as que pesaba a discrepancia-, quedando absorbido e compensado o anticipo a conta do convenio abonado no periodo de xuño a decembro de 2015 polas cantidades de 27,50 euros/mes, ás que se engadiría o 25% do salario base en plus de toxicidade e nocturnidade.
O xa abonado desde o 1 de xaneiro de 2016 por este mesmo concepto de anticipo a conta do convenio será absorbido e compensado polas cantidades expostas no punto anterior. A este respeito, a empresa abonará na nómina de novembro as diferenzas salariais producidas neste sentido desde o 1 de xaneiro do presente ano.
Ano 2016
No referente a 2016, acordouse abonar ao persoal en concepto de anticipo de salario base a conta do convenio a cantidade mensual de 32,5 euros, cifra que se sumará tamén ás pagas de marzo, verán e Nadal. Esta cantidade veráse incrementada nun 25% en aplicación das porcentaxes correspondentes ao plus tóxico, penoso, de peligrosidade e de nocturnidade, sen que este incremento afecte ás citadas pagas.
En relación ao acordo de 2016, abonaranse os atrasos con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2016 serán pagadeiros na nómina de novembro, que se abona a comezos de decembro.
A parte social comprométese, pola súa banda, a dar por satisfeitas as pretensións expostas na demanda presentada o pasado 27 de xuño no xulgado do social nº5 deVigo e presentar o desistimento da mesma.
O preacordo foi ratificado pola asemblea de traballadores/as do pasado día 11 de novembro.