Goberno e sindicatos estatais consolidan os aspectos máis lesivos do acordo de emprego público
A federación de Administración da CIG denuncia que o Goberno español de PSOE e Unidas podemos e os sindicatos estatais CCOO, UGT e CSIF mantiveron os aspectos máis lesivos dos acordos para a mellora do emprego público asinados polo Executivo de Rajoy e estas tres centrais en 2017 e 2018. En concreto, continúa en vigor a taxa de reposición e a desvinculación da suba salarial co IPC, o que precariza as condicións laborais e debilita os servizos públicos.
Dende a central sindical lembran que os tres sindicatos estatais e o Goberno do PP asinaron o 29 de marzo de 2017 o “Acordo para a mellora do emprego público”e o 9 de marzo de 2018 o “II Acordo para a mellora do emprego público”. Nestes acordos a parte social aceptaba por primeira vez a existencia da taxa de reposición e tamén por primeira vez vinculaban os incrementos salariais ao Produto Interior Bruto (PIB) en vez de ao Índice de Prezos ao Consumo (IPC).
Non asinamos estes acordos porque a limitación que impón a taxa de reposición de efectivos fai que os servizos públicos se debiliten
Segundo critican dende a CIG-Administración, o Goberno do PSOE-UP aproveitou estes acordos e mantivo a taxa de reposición e a desvinculación dos incrementos salariais do IPC. “Non asinamos estes pactos por consideralos lesivos para o persoal empregado público e para a sociedade, porque a limitación que impón a taxa de reposición de efectivos fai que os servizos públicos se debiliten, se privaticen ou desaparezan e porque, como xa advertimos naquel momento, a vinculación dos incrementos salariais ao PIB en vez de ao IPC incrementa a perda de poder adquisitivo das persoas empregadas públicas”.
Ao mesmo tempo, censuran que os sindicatos estatais se lamenten do que asinaron e se escusen na perda de poder adquisitivo e na merma de efectivos á que eles mesmos contribuíron cos acordos para a mellora do emprego público. Agora o Goberno do PSOE-UP volve convocar os tres sindicatos estatais para iniciar negociacións, “actuando igual que os Gobernos do PP, incumprindo a obriga que ten de convocar aos sindicatos que teñen a condición de “máis representaivos e que forman parte da Mesa Xeral das Administracións Públicas, como é o caso da CIG”.
Sindicatos dóciles
“Cal é o motivo desta actuación que demostra a mala fe negociadora do goberno do Estado? Será que, ao igual que os Gobernos do PP, queren sindicatos dóciles que asinen o que lles poñan diante sen ter en conta as consecuencias nefastas que estes acordos poidan ter para as persoas empregadas públicas e para os propios servizos públicos como aconteceu cos acordos para a mellora do emprego público?”, pregúntanse.
Por iso dende a central sindical instan o Goberno español a convocar a representación da CIG “se quere negociar as condicións laborais das persoas traballadoras empregadas públicas”.