Acordo coas tres universidades polo dereito a trienios do persoal predoutoral e posdoutoral
Esta mañá reuniuse a comisión paritaria, da que fai parte a CIG-Ensino, na que se acadou o compromiso das tres universidades galegas de iniciar negociacións para recoñecerlle a antigüidade a estas figuras temporais e ampliar a negociación a outros dereitos laborais e retributivos do persoal docente e investigador con contrato temporal. As negociacións para facer efectivo ese dereito e para pactar as materias de negociación de dereitos do persoal con contrato temporal comezarán o vindeiro 7 de abril e cun prazo máximo de negociación de 3 meses.
Despois de que o pasado mes de novembro as organizacións sindicais CIG-Ensino (como máis representativa nas tres universidades galega), CCOO-Ensino e FeSP-UGT presentaramos un escrito diante do Servizo de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais solicitando a non discriminación no recoñecemento da antigüidade do persoal con contrato predoutoral (FPI, FPU, Xunta) e postdoutoral (Ramón y Cajal, Xunta, Marie Curie e Juan de la Cierva) que prestan servizos nas universidades galegas, hoxe conseguiuse un gran avance neste sentido.
Na reunión da comisión paritaria, na que están presentes tanto sindicatos como as tres institucións académicas, acadouse o compromiso por parte destas últimas de iniciar o vindeiro 7 de abril unha serie de negociacións relacionadas cos dereitos laborais e retributivos de todas as figuras temporais do PDI amparadas polo II Convenio Colectivo galego.
O primeiro tema a tratar será precisamente o dereito ao cobro da antigüidade por parte do PDI con contrato predoutoral e posdoutoral. Está previsto que o marco temporal destas negociación se prolongue durante tres meses e que se leven a cabo reunións de cada 15 días.
Tal e como denunciabamos no escrito e en numerosos recursos xudiciais, a situación de discriminación do persoal temporal nas universidades galegas non se sostén desde o punto de vista xurídico. Así, tal e como recolle o artigo 15.6 do Estatuto dos Traballadores e a Directiva 1999/70/CE na súa cláusula 4 e como veñen de sancionar tanto o Tribunal Superior de Xustiza da UE e outros tribunais do Estado non pode haber diferenciación nas condicións de traballo e de remuneración entre o persoal fixo e o temporal.
Neste sentido, as tres universidades tamén se comprometeron a estender estas negociacións sobre outros complementos e dereitos retributivos ás diferentes categorías temporais vinculados con estas institucións.
O camiño da negociación como alternativa á xudicialización das relacións laborais.
A CIG-Ensino avalía positivamente o acordo sindical coas universidades galegas así como que se recupere o papel central da negociación colectiva no marco da comisión paritaria. Logo de anos de ter que recorrer á vía xudicial para ver recoñecidos os nosos dereitos como PDI, é hora de que sexa na negociación onde se diriman os conflitos e se melloren as condicións laborais de todo o persoal que presta servizos de docencia e investigación nas tres universidades galegas, sen discriminación polas súas condicións de contratación, nin pola universidade na que traballan.