Acordo coa USC para o pagamento da cota patronal ao persoal dos programas Margarita Salas e María Zambrano
Unha vez coñecida a sentenza do Tribunal Supremo 892/2025 dando a razón á CIG-Ensino en canto ao pago das cotas patronais do persoal contratado mediante os programas Margarita Salas e María Zambrano por parte da USC, a CIG-Ensino púxose en contacto coa reitoría para tentar chegar a un acordo. Ao tempo, presentou denuncias ante as Inspeccións de Traballo para a actualización das bases de cotización deste persoal.
Nunha reunión mantida a semana pasada co reitor e o xerente da USC, a CIG-Ensino logrou qu
e a universidade asuma o pago das cantidades adebedadas, unha vez conte coa autorización da Xunta de Galiza por cuestións legais. O acordo recolle a todo o persoal, teña ou non neste momento relación contractual coa USC.
A forma de pago quedou acordada en tres prazos para todo o persoal: dous a abonar no ano 2026 e un último pago en xaneiro do 2027. No que se refire á débeda dos xuros continúan abertas as negociacións cara o seu pago, non sendo este tema un impedimento por parte da USC para o acordo.
A sentenza da Universidade de Vigo era anterior e non existía aínda acordo sobre a forma de pago. Posteriormente á reunión coa USC, a UVigo convocou o sindicato a unha xuntanza na que comunicou que ía pagar sen necesidade de que cada persoa afectada acudise de novo ao xulgado con reclamacións individuais, tal e como se estaba a facer ante a falta de resposta.
A CIG-Ensino saúda de que as tres universidades galegas, dunha forma ou outra, poñan fin ao conflito colectivo gañado polo sindicato e paguen as cantidades adebedadas ao persoal dos citados programas.