Acórdase suspender a terceira xornada de folga no aeroporto de Santiago, Rosalía de Castro
O comité de folga do aeroporto de Santiago, Rosalía de Castro, acordou na tarde deste xoves suspender a xornada de folga que estaba convocada para este venres desde as 04:30 horas da madrugada até as 10:30 horas da mañá.
O comité de folga adoptou esta decisión logo de que se celebrara unha xuntanza pola mañá coa subdelegada do goberno, que se comprometeu a falar co concello de Santiago para que este mediara entre as traballadoras e traballadores e AENA e de que pola tarde, e tras intervir o portavoz do comité de folga no pleno do concello de Santiago, a corporación en pleno acordara aprobar unha moción pola que o goberno municipal se compromete a impulsar o diálogo para solucionar este conflito. Finalmente AENA convocou ao seu comité de empresa para esta mesma mañá para tratar da licitación da cantina e dos motivos da folga.
O comité de folga trasladaba, deste xeito, a súa boa vontade e dispoñibilidade a abordar todas as cuestións que levaron á convocatoria de folga, nomeadamente a demanda de que se manteña a cantina. Lembra ademais que preferían non ir á folga e que este foi o único recurso que se lle deixou ás traballadoras e traballadores do aeroporto diante da negativa a falar con eles.
En todo caso advirte de que, en función das cuestións que se aborden e da disposición de AENA a resolver a problemática derivada do peche da cantina -que provocaría un claro deterioro das condicións de vida do persoal de todas as empresas que operan no Rosalía de Castro, por mor da precariedade campante no aeroporto-, e que, se non se atenden as súas demandas nun tempo prudencial, convocarán unha nova asemblea para que o persoal decida as accións a adoptar sen descartar unha nova convocatoria de folga. Indica ademais que nese caso farán o necesario para que o conflito do aeroporto de Santiago estea presenta na campaña electoral do 10-N.
O comité de folga parabenízase de que a mobilización destes meses e a convocatoria de folga tivera os seus froitos e se abra por fin esta vía de diálogo.