Acórdase a suspensión da folga na Inspección de Traballo pola instrumentalización do organismo
As organizacións sindicais convocantes da folga na Inspección de Traballo que se inicou este luns 26 de xuño, acordaron proceder á súa suspensión ante a comunicación do Ministerio de Facenda de que non ten intención de dar cumprimento ao acordado, e a utilización do organismo con fins partidistas.
As centrais critican que o Goberno español instrumentalizou á Inspección de Traballo "cando somos un servizo público que levamos desde 1906 traballando para velar polos dereitos das traballadoras e traballadores".
Malia o acordo asinado xa en xullo de 2021, no que se recollía a urxencia de elaborar unha nova Relación de Postos de Traballo que dera resposta ás necesidades do organismo e de ter orzamento consignado, nada do pactado se cumpriu "a pesar de que nos comunicaron en varias ocasións que a RPT se aprobaría inmediatamente". Por iso, acusan o Goberno de mala fe e falta de transparencia.
Pero tampouco se atendeu o acordo alcanzando en abril de 2022 na mesa xeral de negociación da Administración Xeral do Estado (asinado tanto polo Ministerio de Facenda como polo Ministerio de Traballo) no que sinala que se farían efectivas no inmediato as medidas e obxectivos previstos no Plan Estratéxico da ITSS no relativo ao fortalecemento e modernización do sistema.
Por iso, e ante os últimos acontecementos e comunicacións, decidiron suspender a folga "xa que se xogou coa Inspección de Traballo, utilizouse con fins partidistas e iso non podemos permitilo, tanto en defensa da cidadanía como do propio cadro de persoal da ITSS".