Acordados os criterios para as convocatorias de estabilización de emprego público local en Galiza
CIG, CCOO e UGT veñen de consensuar coa FEGAMP os criterios comúns que servirán de guía para a elaboración das convocatorias de estabilización no emprego público local en Galiza. Medidas para combater a elevada temporalidade existente; previr e sancionar o abuso e a fraude na temporalidade a futuro e potenciar a adopción de ferramentas e unha cultura da planificación para unha mellor xestión dos recursos humanos.
No documento, asinado por todas as partes, recóllense os requisitos para a publicación das convocatorias de procesos selectivos, que deberá producirse, en todo caso, antes do 31 de decembro deste anos, para que estean resoltos antes do 31 de decembro de 2024. Ademais, as prazas a cubrir no proceso de estabilización deben ser ofertadas dando cumprimento aos principios de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.
No documento acordado acláranse cuestións referidas á titulación académica exixida e aos requisitos lingüísticos e recóllense tamén os sistemas selectivos a utilizar. Neste sentido apúntase que será o de concurso-oposición, no que se terá en conta maioritariamente a experiencia no corpo, escala, categoría ou equivalente de que se trate e os exercicios poderán non ser eliminatorios.
A fase de oposición valorarase co 60% e a de concurso co 40% da puntuación total. O acordo recolle os criterios de baremación tanto da fase de oposición como de concurso.
Valoración de méritos
Canto aos procesos derivados das disposicións adicionais sexta e oitava, o sistema será o de concurso de valoración de méritos. Un proceso de carácter excepcional e por unha soa vez para o que tamén se apuntan os criterios. Ademais establécese que o número de prazas incluídas nesta quenda para persoas con discapacidade serán equivalente ás que xa están cubertas temporalmente por persoal con esta condición acreditada.
Xunto a isto acórdase comunicar aos traballador/a temporal ou funcionario/a interino/a qu a praza vai ser obxecto de convocatoria; identificar na convocatoria as prazas a ofertar; o respecto ás bases de negociación colectiva dos procesos de estabilización; a compensación económica derivada da non superación dos procesos de estabilización e a orde de prelación para seren ofertadas entre as prazas ocupadas de forma interina ou temporal.
Considérase aconsellable, ademais, que se articulen previamente sistemas de coordinación das administracións convocantes, para os chamamentos simultáneos de tomas de posesión e evitar así que queden prazas vacantes.