Achegas desde a esquerda fronte á crise climática

José Seoane - 11 Dec 2023

A narrativa dominante sobre a problemática ambiental habitualmente a desposúe de todo contido social. Este proceso de desocialización e naturalización do ambiente foi unha das dimensións centrais da «neoliberalización» da cuestión ambiental, xunto co de mercantilización e capitalización da natureza

Hoxe resulta unha afirmación incuestionábel que enfrontamos un proceso de cambio climático de orixe antropoxénico resultado dos procesos combinados dun modo de produción e de vida baseado no uso dos combustíbeis fósiles e do avance da deforestación e destrución de bosques e selvas nativas e da natureza nun sentido amplo.

 A magnitude deste cambio do clima a nivel global —e das súas consecuencias catastróficas— motivou que se considere como crise climática, a dimensión máis significativa dunha crise múltiple que leva hoxe a dominación do capital neste contexto de transición hexemónica global. Alí están os récordo históricos de elevación da temperatura terrestre e dos océanos nos últimos meses, a retracción do xeo antártico e o cinto de vagas de calor, secas e incendios que percorreron o globo acompañadas logo de diluvios e inundacións, como a que padeceu traxicamente o noroeste de Libia.

 A gravidade da situación resulta tan difícil de agochar que mereceu nos últimos meses de parte do propio Secretario Xeral de Nacións Unidas interpelacións directas aos países do Norte Global advertindo que entramos na «era do fervor global», que o «colapso ecolóxico comezou» e que abrimos «as portas do inferno». Así tamén o sinalou o Papa Francisco na súa última encíclica, cando afirmou que «por máis que se pretendan negar, agochar, disimular ou relativizar, os signos do cambio climático están aí, cada vez máis patentes».

 Mais cómpre recoñecer que esta situación non resulta unha novidade. Desde a segunda posguerra, diferentes estudos científicos veñen advertindo que o substantivo incremento da emisión de gases de efecto invernadoiro provocaría o aumento da temperatura na Terra, coa consecuente intensificación de fenómenos meteorolóxicos extremos e a ameaza á continuidade da vida no planeta. E desde os anos 90 despregáronse unha chea de acordos, protocolos, institucións, recursos, dispositivos ecolóxicos no marco de Nacións Unidas e a nivel rexional e nacional para abordar as cuestións ambiental e climática.

 Con todo, entre 1991 e 2021 emitiuse máis CO2 (948 GtCO2) que no resto da historia humana (785 GtCO2). A temperatura da superficie global aumentou máis rápido desde 1970 que en calquera outro período de 50 anos durante polo menos os últimos 2000 anos, e máis do 50% das emisións totais do CO2 antropoxénico tiveron lugar despois de que se fundase o Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) e que se realizase a recoñecida Cimeira da Terra (a Conferencia de Nacións Unidas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento) en 1992. As emisións destes gases de efecto invernadoiro non deixan de incrementarse ano tras ano.

 Así, resulta evidente que as respostas á crise climática propostas no marco do capitalismo fallaron estrepitosamente. As regulacións e acordos internacionais foron violados unha e outra vez polos Estados dos países centrais e as corporacións transnacionais, e os mecanismos de mercado —xustificados pola razón cínica neoliberal como solución aos propios efectos da mercantilización da natureza— agravaron a deterioración e a destrución do ambiente. Ao mesmo destino encamíñanse a chamada economía verde (que, en definitiva, promove acrecentar a economización dos bens naturais), o Green New Deal, que se sustenta nela, o chamado «keynesianismo ambiental» e a transición enerxética baixo control corporativo.

 O fracaso das solucións ecocapitalistas acrecenta a interrogante —e a responsabilidade— sobre se o pensamento, os valores e a acción da esquerda, desde Marx até o saber crítico e ecosocialista contemporáneos, poden achegar á construción das respostas necesarias.

Dominación colonial e desigualdade social

 A narrativa dominante sobre a problemática ambiental habitualmente a desposúe de todo contido social. Este proceso de desocialización e naturalización do ambiente foi unha das dimensións centrais da «neoliberalización» da cuestión ambiental, xunto co de mercantilización e capitalización da natureza. Pola contra, todas as evidencias indican —e numerosos documentos dos organismos internacionais ratifican— a centralidade da dominación colonial e a desigualdade social en relación coa xeración da crise climática, que é a temática da nosa reflexión neste caso.

 Así, os vinte países máis industrializados e ricos son responsábeis do 80% das emisións de gases de efecto invernadoiro. E se consideramos as emisións per capita, os primeiros son os Estados do Golfo Pérsico, Estados Unidos, Australia e Canadá. De xeito evidente, os responsábeis do cambio climático son os países máis ricos e industrializados, até o punto de que diversos acordos de Nacións Unidas recoñecen explicitamente estas responsabilidades diferenciadas.

 Trátase dunha desigualdade que se alarga máis aínda se consideramos a contribución por país ás emisións de CO2 en termos históricos, un apartado onde só as emisións dos Estados Unidos e a Unión Europea representan o 47% do total. Sendo que o dióxido de carbono permanece na atmosfera durante máis de cen anos, as emisións incrementadas desde a Primeira Revolución Industrial constitúen unha débeda climática significativa que ten o Norte co Sur.

 Por outra banda, en relación á desigualdade social, débese considerar que o 50% da poboación mundial con menores ingresos só é responsábel do 7% das emisións, mentres que o 10% máis rico é o culpábel de case o 50% das emisións de CO2 anuais. De modo incuestionábel, o cambio climático está vinculado a un modo de vida imperial do que goza só unha pequena porción da sociedade e a súa resolución leva cuestionar este patrón de distribución e consumo. E a inxustiza é de tal magnitude, que os países e poboacións que menos contribuíron ao cambio climático, os máis pobres e menos industrializados, son os que máis sofren os efectos desta catástrofe en progreso.

Decrecentismo comunista

 Só estas evidencias abondan para botar por terra a perspectiva decrecentista tradicional que se adoita postular como solución á crise ambiental e climática. Herdeira das propostas respecto dos límites do crecemento popularizados nos anos 70 polo Informe Meadows de orientación neomalthusiana, a proposta de reducir o crecemento económico in totum resulta tan inxusta como ineficaz, tal como quedou demostrado no contexto da pandemia da COVID 19.

 Poderíase falar, en todo caso, e tal como sinalou Saito, dun decrecemento comunista, é dicir, un que reduza o crecemento con base no recorte dos privilexios de certos grupos sociais e países, mellore os beneficios para outros e restabeleza así unha media social sustentábel. Nesta perspectiva, a xustiza climática marcha intimamente unida á social, así como a transición enerxética vai da man coa resolución da desigualdade e a pobreza enerxética, e a resposta aos efectos actuais do cambio climático polos países do Sur máis afectados supón o pagamento da débeda climática por parte do Norte.

 Dalgún xeito, estas urxencias lémbrannos á Declaración de Estocolmo de 1972 adoptada na Conferencia de Nacións Unidas sobre os problemas do medio humano. Alí, no contexto da nova orde internacional promovida polos países do Sur, a problemática do ambiente expúxose en relación coa dominación colonial e as desigualdades sociais, dimensións que foron progresivamente suprimidas á calor do avance das transformacións e ideas neoliberais.

 Os valores da xustiza social e dunha acción da sociedade planificada e decidida para modificar as formas de produción e consumo responsábeis da crise climática forman parte do arsenal histórico da esquerda… a condición de que esta abandone todo rumbo produtivista, realce a dimensión ambiental tantas veces minusvalorizada e rompa coa falaz oposición entre a cuestión social e a ambiental, que foi núcleo de xustificación dos extractivismos e os neodesenvolvementismos.

 Desde esta perspectiva, a resposta á crise climática non se limita unicamente a unha fonda redistribución social decrecentista ou a unha modificación da matriz enerxética. Aí está hoxe a evidencia de como a transición enerxética no Norte orientada ás chamadas «enerxías renovábeis» descargou sobre o Sur un extractivismo «verde» que na apropiación transnacional dos bens naturais requiridos para esa transformación (litio, cobre, hidróxeno, niobio, etc.) somete os nosos pobos a similares espolios e dominacións que no tempo colonial.

 Do que se trata é de modificar profundamente o patrón científico-tecnolóxico, produtivo, de consumo, cultural e de vida; de promover unha verdadeira revolución que transforme substancialmente as formas da organización social. A acentuación da crise socioambiental e climática baixo o capitalismo neoliberal sinala o afán ilimitado de lucro, a mercantilización ampliada, a apropiación privada e a acumulación por espolio de bens naturais e sociais como os seus principais responsábeis. En contraposición, na defensa e construción do común, a produción comunitaria e de comunidade e a afirmación da primacía dos valores de uso, o acervo e a tradición radicalmente emancipatoria da esquerda teñen moito que achegar.

 Nesta dirección, consecuentemente, vemos a necesidade de superar e reconfigurar a dualización colonial moderna entre sociedade e natureza. O pensamento de Marx e da teoría social crítica achegan tamén elementos para iso.

Marxismo e ecosocialismo

 Certas perspectivas adoitan situar o pensamento de Marx nun campo intelectual chamado «cornucopiano», «prometeico» ou «produtivista». Máis aló do debate sobre o carácter homoxéneo ou contraditorio das reflexións de Marx sobre a relación sociedade-natureza, esta caracterización é tan inxusta como falsa, e non é máis que o resultado dunha visión que despraza e agocha as contradicións do capitalismo e os seus efectos sociais e ambientais cara a límites externos considerados entón naturais.

 Nesa perspectiva, a deterioración ambiental resulta, por exemplo, do crecemento demográfico e/ou económico —como o sinala a abordaxe neomalthusiana, tan presente nos anos 60 e 70 nas obras de Erlich e Hardin)—, descargando as súas responsabilidades particularmente sobre o Sur do mundo. Prolongada na actualidade baixo as narrativas neoeuxenésicas, esta ollada reproduce en realidade a dualización sociedade-natureza propia da modernidade colonialidade capitalista.

 En contraposición, Marx foi un dos primeiros en sinalar que este proceso de dualización emerxeu e asumiu unha particular dimensión e característica no marco da sociedade capitalista estreitamente vinculado á construción sociohistórica do capital e do traballo asalariado e, polo tanto, da explotación e a dominación de clase. Particularmente nos seus escritos a partir da década de 1860 —ese último Marx que foi destacado por tantos estudosos— poden identificarse unha serie de reflexións que, en oposición a certa ollada tecnoloxicista presente nalgunhas das súas obras anteriores, fan achegas valiosas ao campo da ecoloxía e á abordaxe das problemáticas socioambientais.

 No estudo dos efectos da agricultura capitalista en Inglaterra, Marx sinalou que: «todo progreso realizado na agricultura capitalista non é soamente un progreso na arte de esquilmar o obreiro, senón tamén na arte de esquilmar a terra, e cada paso que se dá na intensificación da súa fertilidade dentro dun período de tempo determinado, é á vez un paso dado no esgotamento das fontes perennes que alimentan a devandita fertilidade».

 E concluíu: «polo tanto, a produción capitalista só sabe desenvolver a técnica e a combinación do proceso social de produción socavando ao mesmo tempo as dúas fontes orixinais da riqueza: a terra e o home». No tratamento da xénese da renda capitalista da terra, Marx volve sobre o tema sinalando que «a gran propiedade sobre a terra reduce a poboación agrícola a un mínimo en descenso constante e oponlle unha poboación industrial en constante aumento e concentrada en grandes cidades; e deste xeito crea condicións que abren un abismo irremediábel na xuntura do metabolismo social imposto polas leis da naturais da vida».

 Nestas pasaxes Marx retoma a noción de metabolismo da química orgánica da época e reformúlaa socialmente, caracterizando a dinámica da gran industria e a agricultura capitalistas como responsábeis da súa creba.

 Este concepto de fractura do metabolismo social cobrou significación no marco do agravamento da problemática ambiental das últimas décadas, converténdose nunha categoría central para o ecosocialismo e tamén para tradicións ecolóxicas non marxistas. A súa importancia radica, entre outros aspectos, en que sostén unha aproximación á problemática ambiental que se diferencia tanto do conservacionismo burgués como da racionalidade neoliberal mercantilizadora e do solucionismo tecnolóxico, que cuestiona o proceso de desocialización do ambiente e obxectivización da natureza e que reformula a noción de traballo humano agora concibido como intervención reguladora da relación metabólica.

 Neste senso, o termo dialoga con outros saberes e prácticas populares despregados no cuestionamento aos efectos devastadores do espolio neoliberal capitalista no social e ambiental. Exemplo diso constitúeno os horizontes do bo vivir (ou convivir ben) emerxidos da práctica dos movementos indíxenas no ciclo de loitas sociais contra o extractivismo depredador en América Latina; prácticas centrais na renovación  dos horizontes emancipatorios e o cuestionamento á modernidade colonialidad e o seu patrón de poder.

 Como sinala Bellamy Foster, a dinámica da crise climática pode examinarse desde similar perspectiva, en tanto fractura no metabolismo da Terra. Así, a emerxencia e revitalización da tradición ecosocialista nas últimas décadas —que conta hoxe con múltiples expoñentes—, xunto á significación que cobrou o concepto de metabolismo social, dan conta das achegas do pensamento crítico á construción de alternativas efectivas ante o colapso climático e ambiental.

Capitalismo fósil e revolución

 Sinalouse, con base nunha substanciosa evidencia empírica, que a opción por unha industrialización baseada na máquina de vapor e no uso do carbón na Inglaterra do século XIX non resultou dun cálculo de rendibilidade ou de eficiencia tecnolóxica senón do feito de que resultaba a mellor opción para os industriais ingleses para enfrontar e desarmar as demandas e forza dos traballadores. Tratouse, de xeito evidente, dunha opción do capital contra o traballo.

 Desde aqueles tempos, o capitalismo entreteceuse coas enerxías fósiles até o punto de que se pode falar de capitalismo fósil. Aínda hoxe o uso dos combustíbeis fósiles segue a incrementarse máis aló das iniciativas respecto das enerxías renovábeis. E canto máis segue a levarnos esta locomotora á catástrofe climática, máis urxente é accionar o freo de emerxencia, como sinalou Benjamin.

 Noutra época catastrófica, aquela que foi testemuña de dúas guerras mundiais, Rosa Luxemburgo escribiu: «estamos (…), tal como profetizou Engels hai unha xeración, ante a terríbel opción: ou triunfa o imperialismo e provoca a destrución de toda cultura (…) ou triunfa o socialismo, é dicir, a loita consciente do proletariado internacional contra o imperialismo, os seus métodos, as súas guerras».

 En tanto dimensión dunha crise multidimensional da civilización do capital, a crise climática agoira hoxe unha catástrofe maior: ameaza coa extinción da vida no planeta, coa destrución das condicións de vida de territorios e poboacións, particularmente nos países do Sur e entre as clases populares. A crise presente formula unha oposición radical que reactualiza, de xeito urxente e agudo, a necesidade dunha transformación da sociedade profunda; unha transformación da sociedade de fondura similar á anunciada xa hai séculos baixo a invocación á revolución.

_____________________________________________________________________________

Bibliografía:

Altvater, Elmar 2006 «¿Existe un marxismo ecológico?», en Boron, A. et al (eds.) La teoría marxista hoy: problemas y perspectivas (Bos Aires: CLACSO)

Bellamy Foster, John 2013 «Marx y la fractura en el metabolismo universal de la naturaleza», en Revista HerramientaN° 25 (Bos Aires: Ed. Herramienta).

Bellamy Foster, John, 2019 La ecología de Marx (Madrid: ElViejoTopo).

Benjamin, Walter 2007 Sobre el concepto de Historia. Tesis y fragmentos (Bos Aires: Ed. Piedras de Papel).

Brand, Ulrich e Wissen, Markus 2021 Modo de vida imperial (Bos Aires: Tinta Limón).

Burkett, Paul 1999 Marx and Nature. A Red and Green Perspective (New York: St. Martin’s Press). 

Castree, Noel 2005 Nature (Nueva York: Routledge).

Chancel, Lucas e Piketty, Thomas 2022 «La descarbonización exige redistribución» en Thumberg, G. (comp.) El libro del clima (Madrid: Lumen).

Ehrlich, Paul e Ehrlich, Anne 1993 La explosión demográfica. El principal problema ecológico (Barcelona: Biblioteca Salvat).

Foladori, Guillermo 2005 «Una tipología del pensamiento ambientalista», en Foladori, G. e Pierri, N. (eds.) ¿Sustentabilidad? Desacuerdos sobre el desarrollo sustentable (México: UAZ y Porrúa).

Francisco 2023 LaudatoDeum.

Guterres, Antonio 2023a «Secretary-General’sopeningremarks at pressconferenceonclimate», 27 de xullo.

Guterres, Antonio 2023b «ClimateBreakdown Has BegunwithHottest Summer onRecord, Secretary-General Warns, CallingonLeadersto“Turn Up theHeatNow”forClimateSolutions», 6 de setembro.

Guterres, Antonio 2023c «Secretary-General’sopeningremarks at theClimateAmbition Summit», 20 de setembro.

Hardin, Garret 1995 «La Tragedia de los Comunes», en Gaceta Ecológica N° 37 (México: GE).

Löwy, Michael 2012 Ecosocialismo. La alternativa radical a la catástrofe ecológica capitalista (Madrid: Siglo XXI).

Luxemburg, Rosa 2022 Socialismo o barbarie (Buenos Aires: IPS).

Malm, Andreas 2020 El capital fósil (Madrid: Capitan Swing).

Marchini, Timoteo 2022 «El efecto invernadero», en AA. VV. Clima (Bos Aires: El gato y la caja).

Martinez-Alier, Joan 1987 Economía ecológica (México: Fondo de Cultura Económica).

Marx,Karl 2009 El Capital, Tomo III, Vol.8 (México: SigloXXI). 

Marx, Karl 2011 El Capital,Tomo I, Vol.2 (México:SigloXXI). 

Meadows, Donella et al. 1973 Los límites del crecimiento. Informe al Club de Roma sobre los predicamentos de la humanidad (México: FCE).

Naredo, José Manuel 2000 «El metabolismo de la sociedad industrial y su incidencia planetaria», en Naredo, J. e Parra, F. (eds.) Economía, ecología y sostenibilidad en la sociedad actual (Madrid: Siglo XXI).

Prashad, Vijay 2023 Bajo la policrisis está el singular dilema de la humanidad llamado capitalismo. Boletín N° 37.

Saito, Kohei 2022 El capital en la era del antropoceno (Barcelona: Sinequanon)

Schmidt, Alfred 2011 El concepto de naturaleza en Marx (Madrid: Siglo XXI)

Seoane, José 2017 Las (re)configuraciones neoliberales de la cuestión ambiental : una arqueología de los documentos de Naciones Unidas sobre el ambiente (Bos Aires: Ed. Luxemburg).  

Seoane, José 2022 «Socioenvironmental Alternatives in theFaceofthePandemic and the Crisis: Discussingthe Green New Deal», en Notebook.

Seoane, José 2023 «¿Un mundo en crisis o la crisis de este mundo» en Seoane, J. (comp.) Neoliberalismo [Capitalismo] catastrófico. Imágenes de la última ola neoliberal y las alternativas en Nuestra América.

Thunberg, Greta (comp.) 2022 El libro del clima (Madrid: Lumen).

Toledo, Víctor 2013 «El metabolismo social: una nueva teoría socioecológica», en Relaciones: Estudios de historia y sociedad, Vol. 34, Nº 136 (Michoacán: El Colegio de Michoacán).

 

[Artigo tirado do sitio web Jacobinlat, do 24 de novembro de 2023]