Acerca das eleccións en Nicaragua: Lembras cando conmemorabamos o 7/11?

Julio C. Gambina - 11 Nov 2021

A caída da URSS e a ruptura da bipolaridade mundial afectaron culturalmente ao imaxinario dun mundo alternativo ao capitalismo, que recollese a tradición de loita condensada en consignas que modelaron as experiencias de organización e loita durante século e medio. Falo de chamamentos como os de “proletarios do mundo unídevos” de 1848

 Mentres repasaba informacións relativas ás eleccións en Nicaragua, realizadas o 7/11/2021, recibín unha mensaxe co interrogante do título (Lembras cando conmemorabamos o 7/11?). A 104 anos da revolución de outubro e da expectativa esperanzada xerada por décadas sobre a posibilidade do socialismo no imaxinario social mundial, o obxectivo aparece esvaído na conxuntura.

 O certo é que xa transcorreron tres décadas do implosión da URSS e da “bipolaridade” do sistema mundial, que definía a orde global entre as antípodas do “capitalismo e o socialismo” (mesmo cando se debate se o existente na Unión Soviética respondía ao obxectivo socialista), o que explicaba un “terceiro mundo” hoxe inexistente. Debullando as razóns que expliquen a ausencia dun masivo “imaxinario” socialista, pódese sinalar a xigantesca ofensiva do capital, o actuar deliberado de propaganda e acción ideolóxica lubricado con abundante financiamento, xunto ás accións represivas, tanto militar como sancionadora, da iniciativa política e mediática do poder global, sumado a unha inmensa manipulación. Claro que tamén se deben ter en conta as insuficiencias das experiencias que se asumiron e asumen na construción da nova sociedade.

 Nicaragua na conxuntura resulta interesante, polo consenso crítico do núcleo ampliado do poder global. O capital máis concentrado, transnacionalizado, demanda a liberalización económica e reaccionarias reformas a favor da propiedade privada dos medios de produción, evidenciado no rexeitamento á socialización da saúde ou a suspensión das patentes medicinais en tempo de pandemia. Non en balde, durante o 2020/21, malia recesión recente e a recuperación (rebote económico) en curso, o que se estendeu foi a desigualdade, con ampliación da riqueza concentrada e a extensión da pobreza, a explotación e a destrución da vida social e natural. O capital demanda reformas contra os dereitos de traballadoras e traballadores, en activo ou na xubilación, todo co fin de recuperar rendibilidade, obxectivo central do réxime capitalista. Os principais Estados Nacionais, subordinan a súa actuación a esa lóxica do capital e por iso son impulsores de iniciativas políticas liberalizadoras a favor de capitais transnacionalizados de orixe nos seus territorios. Esa prédica instálana no ámbito mundial facendo valer o seu peso específico nos organismos internacionais.

 Grandes capitais, principais Estados da orde mundial e organismos internacionais constitúense en suxeitos da dominación. As súas iniciativas promoven unha lóxica de produción e reprodución que rexeita todo intento de transformación social, aínda limitado á actuación de persoas, grupos sociais ou experiencias de países e rexións. Julián Assange resulta perseguido e privado das súas liberdades por expoñer as verdades da actuación impune da dominación global, do mesmo xeito que se sancionan a países que intentan construír rumbos propios nas relacións económico-sociais, máis aló da dominación actual, evidente en Cuba, Venezuela ou Nicaragua, pero tamén en Irán, Rusia ou China, con innumerábeis matices no que cada unha desas experiencias supoñen.

 Non hai lugar para experiencias que aparezan contra a lóxica dominante. Non se permiten accións individuais, nin colectivas, e moito menos de países, mesmo pequenos, que intenten propostas ou perspectivas diferenciadas. Así como a “guerra da tripla alianza” someteu o Paraguai (1864-70), o intento liberador de Granada foi afogado en sangue (1983), por ser un proceso en español que se podía espallar na rexión e baixo liderado contra a orde socioeconómica, o racismo e a discriminación. Non se podía permitir. Máis preto no tempo, xa no século XXI, non se podía permitir que avancen, malia os seus límites, a experiencia en Honduras, en Paraguai ou en varios territorios sometidos a golpes, caso emblemático en Bolivia en 2019.

 O réxime do capital ten unha historia de expansión global sustentada no poder económico, na forza militar e en variadas formas da manipulación das ideas para a disputa de consensos sociais.

 Non hai límites a esa maneira de actuar e como exemplo pódese citar a actuación do imperio británico e a chamada “guerra do opio” para subordinar no seu momento a China, que agora sustenta a reivindicación contra esa histórica humillación. Exemplos abondan en América Latina e o Caribe, de conquista das coroas, de España e Portugal, e as disputas polos nosos territorios e riquezas de ingleses, franceses, holandeses e de Europa en xeral, que tentaba consolidar o seu novo réxime capitalista coa dominación colonial. EUA, como nova potencia emerxente da orde capitalista, construíuse con anexións, invasións, caso do territorio mexicano a mediados do século XIX, o seu papel en Cuba no proceso de independencia de España a comezos do século XX, como en sucesivas invasións aos territorios na rexión, como na Nicaragua de 1856. É unha historia de acción imperialista para estender as relacións de explotación e saqueo.

 De aí o xenocida bloqueo sobre Cuba e as sancións que se estenden sobre Venezuela e que se ampliarán nestes días sobre Nicaragua, pero tamén sobre todos aqueles que intenten camiño propio, aínda no marco da disputa pola xestión da orde capitalista.

 É a loita de clases, con polos matizados no seo do capital propiamente dito, segundo sexa a composición orgánica dos capitais, nunha loita feroz que se presenta como disputa pola dominación das novas tecnoloxías; mais tamén expresada como loita interestatal nas súas facetas diversas, da orde produtiva, comercial, financeira, asumidas como “guerras” na xeografía da política. Son disputas que se xogan no ámbito mundial, en foros e cimeiras inzados de linguaxe diplomática, onde subxace a defensa do obxectivo polos beneficios e a explotación. Pero como é loita de clases, a fragmentación xorde con maior visibilidade entre os sectores subalternos, explotados, marxinados ou humillados. Baixo esa fragmentación aparecen as especificidades nacionais de procesos políticos, sociais e culturais que limitan a posibilidade de construír unha converxencia de acción política ideolóxica mundial en contra e máis aló do réxime do capital.

 Volvamos ao comezo. A caída da URSS e a ruptura da bipolaridade mundial afectaron culturalmente ao imaxinario dun mundo alternativo ao capitalismo, que recollese a tradición de loita condensada en consignas que modelaron as experiencias de organización e loita durante século e medio. Falo de chamamentos como os de “proletarios do mundo unídevos” de 1848, ou “outro mundo é posíbel” de 2001. A materia pendente polo horizonte socialista ou comunista é parte dunha construción diversa que se procesa en múltiples batallas, de masivas presenzas de novas xeracións na loita política en contra das miserias a que nos leva o capitalismo.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 10 de novembro de 2021]