Acción reivindicativa en Vilalba para denunciar a explotación laboral e o modelo de produción destrutor de Surexport
A plataforma 'Surexport fóra da Galiza' (conformada por diversas organizacións galegas, entre elas a CIG), realizou unha acción reivindicativa este venres para denunciar as prácticas abusivas coa terra, o medio ambiente e as condicións laborais nas que Surexport (agroindustria que acapara o sector da produción privada de froitos vermellos con plantacións en Kenia, Marrocos, Portugal e o Estado español) produce os seus alimentos.
A acción desenvolveuse nun supermercado de Vilalba e consistiu no reparto de follas informativas entre a clientela e na identificación dos produtos de Surexport con adhesivos nos que se advirte das condicións de explotación laboral que padecen os traballadores e as traballadoras desta empresa, así como do modelo de produción agraria "destrutor" que fomenta a compañía.
O secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, explica que esta é a segunda mobilización que convoca da Plataforma (a primeira fíxose diante da sede da empresa en Castro de Rei) e con ela tamén se quere concienciar as persoas consumidoras da condicións nas que Surexport produce e ao tempo presionar ás cadeas de distribución para que non vendan estes produtos. Neste senso, Neto denuncia "a perversidade que supón que se vendan estes alimentos como produtos locais, cando non cumpren ningún dos requisitos que se lle presupón á produción local, mais alá de que os froitos están cultivados aquí".
Un modelo baseado na explotación
Esta plataforma nace para dar resposta á implantación dende hai uns anos na Terra Chá "dunha agroindustria que non respecta nin os dereitos laborais e humanos, nin as pequenas labregas e as súas producións locais, nin os ecosistemas nin o medio ambiente", sinálase no panfleto repartido este venres. Ao contrario, este tipo de empresas da agroindustria só buscan "o máximo beneficio a través dun modelo de produción baseado na explotación laboral e dos nosos recursos naturais".
As organizacións convocantes rexeitan a explotación laboral e a vulneración dos dereitos das persoas que se están a cometer nos campos de traballo de Surexport, "que se ven forzadas baixo ameaza a realizar xornadas de 12 horas diarias, cun salario inferior ao estipulado por convenio, negándoselles o dereito a unha alimentación digna, a unha hixiene digna ou un trato digno ás persoas traballadoras, a maioría delas migrantes que, desprazadas dende outros campos de traballo que a empresa ten en Huelva e outros lugares, son mesmo privadas do dereito a unha vivenda digna".
Xunto a isto alertan que a agroindustria non só explota ás persoas, senón que tamén espolia os recursos naturais das poboacións nas que se instala. Neste sentido aseguraron que “o modelo destrutor de Surexport, baseado na produción intensiva, non só non produce alimentos de calidade, senón que é prexudicial para os ecosistemas e o medio ambiente, debido ao constante uso de produtos agroquímicos e o inxente gasto de recursos como a auga que esixe este tipo de produción”.
Xa foi presentada denuncia na Subdelegación
A plataforma xa ten rexistrada unha denuncia na Subdelegación do Goberno, na que solicitaron que coa maior celeridade posible sexa posta en marcha unha investigación exhaustiva por parte das administracións competentes (Subdelegación do Goberno, Inspección de traballo e Consellería de Emprego) ao respecto do trato que Surexport está a infrinxir contra as persoas empregadas -na súa meirande parte procedentes de África-, así coma os seus impactos medioambientais e estratexia de acaparamento de terras agrarias.