Acádase un acordo entre o comité de folga dos bombeiros comarcais e os consorcios provinciais contraincendios
Representantes dos Consorcios Provinciais Contraincendios e Salvamento e das forzas sindicais acadaron un principio de acordo para desconvocar a folga dos últimos meses. O texto, asinado por representantes da Xunta, das catro deputacións provinciais e dos sindicatos, prevé melloras nas condicións laborais referidas tanto ao reforzo de efectivos como aos salarios e horarios, entre outras. A negociación continuará para acadar melloras laborais nos 24 parques comarcais da comunidade. No acordo prevese tamén crear unha mesa de negociación para concretar a redacción dun novo convenio colectivo e dunha nova Relación de Postos de Traballo.
Entre os aspectos máis salientables recoñécese a fixeza en cada un dos consorcios no primeiro trimestre de 2024, contemplando a antigüidade no posto. Isto ademais da equiparación salarial nas 4 provincias, abondándose. Para isto, aplicarase unha suba salarial nunha cantidade variable segundo os consorcios con efectos desde o 1 de xaneiro deste ano.
O acordo contempla tamén a redución da xornada ordinaria a 1.642 horas por ano; a concesión de dúas quendas de 24 horas ao ano para asuntos particulares ou o pagamento da hora extra unificada a 22 euros a hora.
Outro dos aspectos a destacar é o incremento de 102 novos bombeiros nos Consorcios no ano 2024: 42 na Coruña; 26 en Lugo; 17 en Ourense e 17 en Pontevedra.
Condicionado á aprobación dunha RPT e catro convenios
Con todo estes acordos -agás o do recoñecemento da fixeza- quedan supeditados á aprobación dunha Relación de Postos de Traballo (RPT) e catro convenios colectivos de contido común nos catro Consorcios, que deberán estar aprobados antes do 30 de setembro deste ano.
As negociacións comezarán a semana do 19 de febreiro e terán un calendario cunha periodicidade mínima quincenal, mediante unha mesa xeral de negociación conxunta e a súa correspondente comisión de seguimento, para favorecer o cumprimento do acordado.
Con este acordo queda desconvocada a folga que viñan mantendo os traballadores e traballadoras dos consorcios provincias de bombeiros.