Acadado acordo entre Dinahosting e o comité de folga para desconvocar o paro deste xoves día 16

O persoal, reunido en asemblea, decidiu desconvocar tamén a concentración prevista para hoxe
Compostela - 16 Nov 2017

O comité de folga de Dinahosting acadou este mércores un acordo coa empresa polo que se manteñen as quendas actuais. Dinahosting comprometeuse a contratar a novo persoal para cubrir os partidos que a empresa quere implantar no departamento de Soporte Técnico. Diante deste avance as traballadoras e traballadores acordaron en asemblea desconvocar o paro e a concentración prevista para esta mañá ao acadarse os obxectivos perseguidos.

Cambio de quendas

O cadro de persoal tiña un compromiso histórico coa anterior dirección da empresa segundo o que a maior parte da xente, agás casos puntuais, estarían a xornada continua. Ese foi ademais un dos beneficios que a empresa ofreceu á maioría das traballadoras e traballadores cando foron contratados.

Ademais, cando se asinou o convenio colectivo o persoal aceptou non obter melloras salariais a cambio de impulsar medidas de conciliación, que se plasmarían en regulamentos internos. Un acordo que sería imposíbel de desenvolver de se impor o cambio a xornadas de traballo partidas como pretendía a empresa.

Acordo

O persoal de Dinahosting valora moi positivamente o acordo considera que grazas á unión dos traballadores e traballadoras de todos os departamentos da empresa e non só dos directamente afectados -do departamento de Sorporte-, conseguiron que a patronal accedera a manter as actuais quendas, despois de semanas de negociacións co comité de empresa.