Abren dilixencias penais contra os responsábeis do decreto que obrigaba os bombeiros de Vigo a traballar en días de descanso
O Xulgado de Instrución número 5 de Vigo abriu dilixencias penais contra o ex concelleiro e o xefe de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Carlos López Font e Antonio Vivero Mijares, como responsábeis do decreto municipal que obrigaba os bombeiros do Concello a traballar en días de descanso. A denuncia fora presentada en agosto do ano pasado por delegados da CIG no servizo por presuntos delitos contra a saúde e os dereitos dos traballadores/as e prevaricación administrativa.
En consecuencia, López Font -que na actualidade é concelleiro portavoz do Goberno local vigués e deputado provincial- e Vivero Mijares terán que comparecer este venres en sede xudicial ás 11:00 e as 12:00 horas como investigados no marco das dilixencias abertas polo Xulgado de Instrución número 5 de Vigo, unha vez que o decreto fora anulado polo contencioso administrativo, decisión que foi ratificada polo TSXG tras o recurso presentado polo Concello.
A pesar da anulación do decreto, os representantes sindicais da CIG entendían que a decisión dos cargos municipais podía supoñer responsabilidades penais “xa que nos obrigaba a traballar por decreto os días de descanso, cando realizamos unha actividade moi perigosa na que os descansos entre servizos son moi importantes”.
De feito, a imposición do decreto provocou que o persoal tivese incluso que dobrar quendas (traballando 48 horas seguidas) e chegase a realizar nalgúns casos máis de 600 horas máis de servizo nos arredor de dous anos que estivo vixente. “Porque o Concello seguiuno aplicando despois da primeira sentenza que o anulou, e incluso tras ser ratificada a anulación polo TSXG, polo que tivemos que instar á execución da sentenza para conseguir que se retirase”.
Como resposta a este decreto “escravista” mantiveron unha folga indefinida durante case dous anos, ao tempo que levaron a cabo numerosas mobilizacións e iniciaron unha ofensiva xudicial contra o Concello. “O máis escandaloso é que en ningún momento se sentaron a negociar o decreto, nin antes nin despois das sentenzas, e seguíano aplicando para gañar tempo ante a evidente falta de persoal existente no servizo, como tampouco negociaron nunca os servizos mínimos da folga, que tamén tiveron que ser anulados polos tribunais”.