Aberto o prazo de inscrición para a Formación Sindical 2021-2022
A CIG aposta pola formación das delegadas/as como un dos eixos centrais na metodoloxía sindical. No actual contexto de recortes, criminalización da loita sindical, aumento da precariedade laboral, crise económica e grave retroceso en dereitos básicos, a formación dos cadros sindicais é fundamental para afrontar os retos que temos nos centros de traballo.
As primeiras accións formativas que se levarán adiante desde decembro do 2021 e ao longo do 2022 contan coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galiza e co financiamento do SEPE. O seu obxectivo principal é achegar numerosos recursos formativos ás delegadas e delegados da central sindical para comprendermos mellor o tempo que nos toca vivir e como afrontar os desafíos que temos por diante.
Estes recursos, teóricos e prácticos, sempre desde unha perspectiva amena e didáctica, facilitarán a comprensión do ámbito xurídico-laboral e permitirán coñecer os nosos dereitos para termos un emprego con calidade, establecer protocolos de prevención e actuación fronte ao acoso, implantar técnicas e recursos para os procesos de negociación dos plans de igualdade, abordar a normativa para os procesos de conciliar a vida laboral e familiar ou afrontar os retos da dixitalización do mundo do traballo.
Coa idea de coñecermos ben os nosos dereitos como clase traballadora para nos defender con máis forza dos ataques que sufrimos día a día nos centros de traballo. Mais tamén para conquistar os dereitos roubados nos últimos anos coa aplicación das vellas receitas da dereita e da Unión Europea e lograr novos avances para acadar mellores condicións de vida para nós mesmas/os e para as xeracións futuras.
Por iso, desde o pasado 22 de novembro do 2021 fica aberto nas federacións e nas comarcas o prazo de inscrición para os distintos cursos:
- A dixitalización do mundo do traballo, ameazas e retos.
- Calidade e dereitos no emprego para a negociación colectiva.
- O dereito á conciliación da vida familiar e a súa aplicación á negociación colectiva.
- Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso.
- Rexistro e auditoría retributiva.
- Técnicas e recursos para os procesos de negociación colectiva dos plans de igualdade.