Aberto o prazo de inscrición para participar no Segundo Seminario Sindical 'Xustiza para Palestina!'
A Rede Sindical Europea para a Xustiza en Palestina –da que fai parte a CIG- organiza en Barcelona, os días 18 e 19 de maio, o Segundo Seminario Sindical 'Xustiza para Palestina!': Rematar coa complicidade europea nas violacións de Israel dos dereitos dos traballadores e traballadoras Palestinos. Os idiomas de traballo do Seminario, que está dirixido fundamentalmente a sindicalistas, pero ao que se pode anotar quen teña interese, serán inglés, francés, árabe, español e catalán. Para rexistrarse cómpre completar este formulario antes do día 11 de maio. O prezo da inscrición é de 50€ e cobrarase na mesa do rexistro o 18 de maio.
Sindicalistas europeos aseguran estar “alarmados” porque, malia a clara inxustiza que se está a cometer co pobo de Palestina, e de xeito moi especial logo de que un total de 34 palestinos/as foron asasinados/as e máis de 1.600 feridos/as polos soldados israelís durante 10 días de protestas na fronteira de Gaza con Israel, de acordo co Ministerio de Saúde de Gaza, os estados europeos, a Unión Europea e as institucións que as representan, non deron cumprimento ao seu deber legal de responsabilizar a Israel polas súas graves violacións do dereito internacional.
O feito de que a comunidade internacional non tomara medidas para garantir que Israel cumpra co dereito internacional permitiu que Israel continúe os seus innumerábeis ataques contra civís de Palestina, incluídos os recentes asasinatos de palestinos/as en Gaza, que Human Rights Watch cualificou de “ilícitos”, “calculados” e feitos “con total impunidade”.
Se ben a UE critica algúns aspectos das políticas de Israel, continúa brindándolle apoio político, económico e militar. Por iso afirman que “como sindicalistas e cidadáns conscientes deste mundo, temos o deber e a capacidade de actuar. Cremos que vai sendo hora de solidarizarnos colectivamente co movemento laboral palestino, desenvolver estratexias para responsabilizar aos noso gobernos e á UE, as institucións que nos representan e presionar ás empresas para que poñan fin á súa complicidade coas violacións israelís dos dereitos da clase traballadora palestina”.
Convite a participar
Por iso convidan a participar no Segundo Seminario Sindical: Xustiza para Palestina! Rematar coa complicidade europea nas violacións de Israel dos dereitos da clase traballadora palestina, no que durante dúas xornadas se afrontarán os seguintes temas:
Destacar a complicidade da UE, os gobernos e as empresas europeas na ocupación de Palestina e as formas en que está socavando o traballo decente e violando os dereitos dos traballadores e traballadoras palestinas.
Discutir unha estratexia común da campaña para o traballo decente dos traballadores e traballadoras palestinas poñendo fin á complicidade europea e procedendo á suspensión do Acordo de Asociación UE-Israel.
Ver pasos concretos para afortalar os vínculos entre o movemento sindical europeo e palestino.
Debater e compartir as formas en que os sindicatos podemos facer unha campaña eficaz para presionar á UE, os gobernos, as institucións e as empresas para que poñan fin ao seu apoio ás violacións dos dereitos da clase traballadora de Palestina, dos dereitos humanos e do dereito internacional.
Explorar as posibilidades de coordinación e traballo conxunto entre os sindicatos e a os/as activistas sindicais en toda Europea.
A Rede Sindical Europea para a Xustiza en Palestina é unha plataforma de 35 organizacións sindicais europeas que representan a máis de 3 millóns de traballadores/as. Podes obter máis información en: Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina