Abertas as negociacións da Lei Orgánica do Sistema Universitario
A CIG-Ensino participou onte nunha primeira reunión sindical co ministro Castells e altos cargos do ministerio de Universidades para tratar o anteproxecto da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU). A reunión non supuxo ningún avance, limitándose a intercambiar as posicións dos diferentes sindicatos máis representativos (CIG, CCOO, UGT e CSIF) ao respecto do texto aprobado inicialmente no consello de ministros.
A CIG-Ensino trasladou na reunión a valoración crítica feita pública tras a publicación do anteproxecto e que se centra non só na incapacidade manifesta do texto para resolver os problemas actuais da universidade pública e, especialmente, do seu profesorado, senón mesmo no feito de que crea novos atrancos, especialmente no apartado relativo ao goberno das institucións académicas e da necesaria defensa da democracia dos diferentes órganos e procesos de elección.
Este foi un dos temas que centrou a reunión e na que o propio ministro recoñeceu que son numerosas as críticas recibidas por unha concepción da gobernanza máis propia de postulados neoliberais que dun goberno definido como progresista.
Así, a CIG lembrou que o modelo proposto por Castells (reducir os órganos de representación, dar máis poder ao consellos sociais e a persoas alleas á universidade, abrir a porta á elección da reitora ou reitor mediante un “consello de notábeis” e non por sufraxio universal ponderado como na actualidade, ou que sexa a persoa á fronte da reitoría que designe, entre unha terna, ás decanas e decanos...) é claramente continuísta coa proposta que presentou no ano 2013 o ministro Wert, que baixo o título “Propuestas para la reforma y mejora de la calidad y eficiencia del sistema universitario español”, xa trazaba con claridade o baleirado dos órganos académicos e de representación da comunidade universitaria.
Un modelo que reforza unha visión do goberno das universidades públicas afastada do control democrático e propio das empresas privadas, na liña do que defende empresarios convertidos en cargos políticos á fronte dos consellos sociais.
Precariedade do persoal das universidades
A CIG-Ensino tamén fixo especial fincapé na crucial importancia do tema da precariedade do persoal das universidades. Neste sentido a intención de cesar a todas as persoas que substitúen a PDI titular logo de tres anos, con independencia da non incorporación deste, é unha liña vermella para o sindicato, claramente contrario á reforma pactada polos demais sindicatos co goberno estatal que está detrás deste sen sentido.
A ausencia dunha verdadeira carreira profesional dentro de cada categoría ou a falta dunha pasarela entre os contratos predoutorais e a figura de axudante doutor/a foron outros dos temas apuntados pola CIG-Ensino en materia de persoal.
Ao respecto do financiamento chama a atención que a proposta de Castells copie o modelo nefasto de Feijóo dun orzamento estrutural e outro por obxectivos sen garantir na lei unha definición da parte estrutural que garanta algo máis que o pago dos salarios para todas as universidades e que supere o infrafinanciamento no que viven instaladas a universidades públicas.
Máis alá dalgunha aclaración sobre erros no documento aprobado (a inexplicábel lagoa da situación do PDI contratado doutor) o único paso adiante da reunión é o compromiso do ministerio a negociar na mesa sindical o anteproxecto da LOSU en diferentes bloques, nunha serie de reunións que comezarán nuns 15 días.