Abai Group demostra a súa avaricia non restituíndo o plan de axudas para o persoal que ten crianzas con necesidades especiais
A sección sindical da CIG quere denunciar publicamente “a avaricia de Abai Group” que se nega a restituír o plan de beneficios sociais ao que se podía acoller o persoal, a pesar de existir unha sentenza que lle obriga a facelo. “Esta é unha demostración máis da ruindade coa que actúa esta empresa, que desembarcou na plataforma de centros de chamadas de Matogrande asegurando "que viña para cambiar as cousas" cando na realidade o único que lle importa é seguir explotando e espremendo as traballadoras e traballadores para engordar os seus beneficios”, advirten.
Hai que lembrar que antes de pertencer a Abai Group, o persoal de Extel tiñan acceso ao Plan Familia da Fundación Adecco, que achega beneficios sociais e económicos para atender os fillos e as fillas con necesidades especiais das traballadoras da empresa. Pero, de maneira unilateral, Abrai Group decidiu suprimiu este servizo, motivo polo que a sección sindical da CIG presentou denuncia no xulgado, que emitiu sentenza obrigando a empresa a restituír o plan.
Axudas que poden acadar os 4000 euros anuais
Estas axudas (destinadas a terapias e atención especializada) poden acadar importes de até 4000 e 5000€ anuais “e estanlle sendo denegadas a traballadoras cuns ingresos anuais que en moitos casos non superan os 13.000€“. Non obstante, Abai Group, que nin sequera acudiu ao xulgado, continúa sen cumprir a sentenza condenatoria, sen restablecer os beneficios do Plan, “nin devolver as cantidades que durante o último ano levan anticipando as traballadoras e seguen pagando do seu peto a día de hoxe, engrosando a débeda que ascende xa a máis de 4000 euros nalgúns casos”.
Por iso, ás portas da conmemoración dun novo 8 de Marzo, a sección sindical da CIG quere denunciar que o sector dos centros de chamadas, feminizado e precarizado, “sofre unha vez máis a avaricia e os abusos da patronal, atacando neste caso aos colectivos de mulleres máis vulnerábeis pola súa situación familiar”. Unha actitude por parte de Abai Group “que non pode ser cualificada máis de que vergoñenta e miserábel”.
A CIG esixe á empresa que cumpra de inmediato coa sentenza e restitúa o Plan Familiar coas mesmas condicións das que o persoal se viña beneficiando.