A xustiza volve darlle a razón á CIG e anula outra comisión de servizo no Concello da Coruña
Se no mes de abril era o Xulgado do Contencioso Administrativo nº4 o que anulaba tres comisións de servizo na área de Servizos Sociais por falta de transparencia nos criterios de avaliación, esta semana o TSXG emitiu sentenza pola que bota abaixo a resolución do Concello da Coruña pola cal se nomea outra comisión, neste caso na Xefatura de Infraestruturas, ao entender que esta praza debería terse incluído na convocatoria do concurso ordinario de méritos para a súa cobertura mediante este procedemento.
Para a sección sindical da CIG esta nova resolución xudicial "pon ás claras" o uso que está a facer o Goberno municipal da Coruña coas comisións de servizo "como un sistema para premiar a persoas afíns ou castigar a determinado persoal que non é do seu gusto". Explican que "se a anterior sentenza sacáballe ás cores á xestión en canto aos baremos utilizados, nesta ocasión é polos tempos".
O TSXG non acepta o manido argumento da urxente e inaprazábel necesidade de cobertura do servizo ao que sempre recorre o Concello"
"O TSXG non acepta o manido argumento da urxente e inaprazábel necesidade de cobertura do servizo ao que sempre recorre o Concello e entende que a praza de Técnico de Patrimonio en cuestión debería terse incluído no concurso ordinario de méritos". Concurso que, apunta a representación da CIG, foi publicado no BOP tan só un mes despois de terse anunciado na web do Concello a convocatoria da comisión.
De feito, o TSXG incide en que a urxente necesidade de ocupar a vacante alegada polo Goberno "só xurdiu unha vez publicado o concurso e as prazas incluídas neste", entre as que non estaba o posto denunciado. É máis, a sentenza recalca que a praza permanecía vacante dende a súa creación no ano 2017, polo que non existían motivos para non incorporala no concurso ordinario de méritos.
Hai que subliñar que a convocatoria do concurso aprobouse en maio de 2020, pero posteriormente houbo dúas modificacións das bases a respecto dos postos a cubrir, a última delas publicada o 9 de xullo de 2020. Isto é, un día antes de que se anunciara a convocatoria para a cobertura mediante proceso extraordinario da praza de Técnico de Patrimonio.
Con esta nova sentenza na man, a sección sindical da CIG insta o Goberno municipal a mudar a súa política laboral e a respectar a legalidade; así como demándalle ao concelleiro de Persoal que deixe de xogar a confundir coa súas declaracións e a tentar descualificar a representación dos traballadores e das traballadoras.
Neste senso, subliñan que as comisións de servizos son un medio de cobertura de postos extraordinario cuxo uso debe estar limitado e a súa urxencia debidamente xustificada. Pero, como a CIG leva anos denunciando na vía xudicial, no Concello da Coruña practícase un abuso na utilización das comisións que ademais de xerar inseguridade xurídica, bloquea a carreira profesional á que teñen dereitos todos os empregados e empregadas das administracións.