A xustiza recoñece o dereito dunha emigrante retornada de Suíza a asistencia sanitaria pública
O xulgado do Social nº 2 da Coruña vén de emitir unha sentenza pola que se recoñece a unha emigrante retornada de Suíza o dereito á asistencia sanitaria a través do sistema público de saúde e con cargo a fondos públicos. Un dereito que o INSS denega malia as recomendacións da Defensora del Pueblo, que é recoñecido cando o caso chega aos tribunais e que afecta fundamentalmente ás mulleres que emigraron a ese país.
O INSS vén excluíndo do dereito á asistencia sanitaria os/as emigrantes retornados/as que perciben exclusivamente pensións polo sistema da Seguridade social suíza. Proponlles, para poderen continuar sendo atendidos/as na sanidade pública, ou ben que se afilien a unha compañía suíza prestadora de servizos sanitarios, pagando mensualmente unha custosa prima, ou que subscriban un convenio especial coa Tesourería Xeral da Seguridade Social española, pagando ao mes 87,34 euros. Alega o INSS que estas persoas gozan de protección sanitaria por seren pensionistas do sistema suízo.
Así o explica desde o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG Eduardo Álvarez, quen matiza que porén, “todos/as os/as pensionistas do Sistema da Seguridade Social española, todos/as os/as pensionistas pertencentes a calquera dos Estados da Unión Europea (UE) e do Espazo Económico Europeo (EEE) e todos/as os/as pensionistas de países cos que existen convenios bilaterais que cubran a asistencia sanitaria que residan en España teñen dereito a esta prestación a cargo do sistema de saúde público agás os emigrantes retornados de nacionalidade española que, procedentes de Suíza, cobren unicamente pensión por este Estado”. E isto, afirma o INSS, independentemente da retribución que perciban.
Álvarez denuncia ademais que estas persoas, cando regresan, son castigadas coa privación do dereito á asistencia sanitaria “despois de viviren desterrados/as das súas familias e do seu medio xerando aforros que contribuíron ao noso desenvolvemento económico”.
E como xustifica esta actitude o INSS?
Para Eduardo Álvarez está claro que esta medida “conculca gravemente o dereito á protección da saúde proclamado no artigo 43 da CE directamente vinculado co fundamental á vida do artigo 15. E todo en aras da redución do déficit público”.
O representante do colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG pregúntase “que política social pode xustificar que a pensionistas que perciben mensualmente 42,38, 82,27, 122,03, 218,22, 530 ou mesmo 881,83 euros o INSS lles ofreza como opcións, se queren gozar da asistencia sanitaria, afiliárense a un dos seguros privados suízos pagando un mínimo de 400 euros ao mes ou subscribiren o convenio especial do Sistema de Seguridade Social española, que ascende a 87,34 euros?”
Lamenta que o Estado non lles dea outra alternativa e sinala que “desde o día 5 de agosto de 2012, data en que entrou en vigor o funesto Real Decreto 1192/2012, ficou derrogado o Real Decreto 1088/1989, de 8 de setembro, polo que se estende a cobertura da asistencia sanitaria da Seguridade Social ás persoas sen recursos económicos suficientes, que lles permitiría a asistencia sanitaria a case todos os excluídos aquí presentados por obteren rendas inferiores en cómputo anual ao SMI”.
Oídos xordos ás recomendacións e sentenzas
Fronte a esta inxusta situación, Álvarez denuncia que o INSS reiteradamente fixo oídos xordos tamén ás recomendacións da Defensora del Pueblo, quen en dúas ocasións instou a Entidade Xestora a restabelecer o dereito á asistencia sanitaria con cargo ao Sistema Nacional de Saúde a todos os perceptores de pensión da Seguridade Social suíza, residentes en España, aos que se comunicou a perda da súa condición de beneficiario ao resultarlles de aplicación o artigo 3 do Real Decreto 1192/2012, de 3 de agosto, polo que se regula a condición de asegurado e de beneficiario, por non ter a consideración de persoas aseguradas en Suíza e carecer de cobertura sanitaria obrigatoria por outra vía... [e a permitirlles] o acceso á prestación sanitaria da Seguridade Social aos pensionistas por lexislación suíza que residan en España, e acrediten carecer de ingresos suficientes, segundo o previsto no artigo 2.1.b do Real Decreto 1192/2012, de 3 de agosto, ao non contar estes cidadáns con outra vía de cobertura sanitaria de carácter obrigatorio.
“Obstinadamente, o INSS prosegue excluíndo da asistencia sanitaria os emigrantes retornados desde o momento que comezan a cobrar a pensión de xubilación a cargo do sistema suízo”, subliña Álvarez, quen engade que “tan só aqueles que deciden recorrer esta resolución a través da vía xudicial conseguen recuperar o dereito do que foron desposuídos”.
As mulleres emigrantes retornadas son as máis afectadas
Na sentenza que vén de ser emitida o xulgado recoñece “o dereito da demandante á asistencia sanitaria a través do Sistema Nacional de Saúde e con cargo a fondo públicos, en calidade de beneficiaria do seu esposo”.
Segundo explica Álvarez, que ademais foi o avogado que levou o caso, a xustiza fai prevalecer a calidade de beneficiaria, pero tería recoñecido igualmente o dereito a recibir asistencia na sanidade pública se non estivera casada.
Salienta, en todo caso, que moitos/as dos/as emigrantes retornados/as ven recoñecido o dereito á sanidade pública porque antes de emigrar cotizaran no estado español. Unha situación que non se dá no caso da maioría das mulleres que emigraron, no seu día, para traballar fóra, pero sen ter traballado nin cotizado antes no estado español.
Eduardo Álvarez sinala que, de feito, son un 90% das mulleres emigrantes en Suíza as afectadas, o que considera que é un claro caso de discriminación.
Lamenta que as/os emigrantes retornadas/os sexan as/os “eternamente esquecidos” e agarda que cando o PSOE cumpra o seu compromiso de universalizar novamente o dereito á asistencia sanitaria no sistema público de saúde non esqueza incluír tamén as/os emigrantes retornados de Suíza.