A Xustiza recoñece o dereito do profesorado interino da USC a cobrar quinquenios
A CIG-Ensino vén de gañar unha nova sentenza que remata con outra discriminación que sufrían as arredor de 100 persoas que conforman o colectivo de PDI interino, neste caso na USC, e que se suma á xa gañada na Universidade de Vigo. A federación insta ás tres institucións académicas do país a que estendan este dereito de oficio a todo o persoal temporal. Así mesmo, reitera ao conselleiro de Educación a necesidade de convocar a Mesa Sectorial de Universidades para negociar a modificación da normativa precisa para rematar con este tipo de discriminación.
Un novo fallo xudicial vén a darlle a razón á CIG-Ensino a respecto da equiparación de dereitos do profesorado interino nas Universidades galegas. Despois de que o PDI interino das tres universidades galegas poida optar a cobrar os complementos de investigación e docencia, que supoñen arredor de 1.000 e 900 euros anuais respectivamente, tras a aceptación parcial da demanda presentada contra a convocatoria que regula o seu pagamento por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza (ACSUG), agora o alto tribunal galego recoñece o dereito ao persoal interino da USC de cobrar os quinquenios.
Neste caso, xa existía unha sentenza previa semellante da Universidade de Vigo que avalaba o cobro por parte deste colectivo interino do complemento de méritos docentes, máis coñecido como quinquenio. En calquera caso, a autonomía universitaria -que tamén se traslada ao campo das retribucións do seu persoal- obriga a que sexa necesario demandar o recoñecemento destes dereitos ante cada institución.
Efecto directo
Esta sentenza terá efecto directo nas 96 persoas que conforman o colectivo de PDI interino na USC, arredor do 5% do total deste persoal, segundo datos actuais da propia Universidade.
Á vista destes autos que van na liña da recente xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE igualando os dereitos do persoal fixo e eventual que presta servizos nas administracións públicas, a CIG-Ensino agarda que as tres universidades galegas lle amplíen o cobro deste complemento a todos os traballadores e traballadoras temporais (colaborador, axudante, axudante doutor, interinos de substitución etc..), independentemente de que teña horario completo ou non.
Convocatoria da Mesa Sectorial de Universidades
En calquera caso, e para evitar que continúe a xudicialización destas reclamacións, sinala que cómpre que no ámbito de negociación propio das tres universidades, nomeadamente na Mesa Sectorial de Universidades, se negocie a extensión destes dereitos a todo o persoal temporal.
A CIG-Ensino lembra que, para iso, en datas recentes as organizacións sindicais con representación en cada universidade deron traslado dunha solicitude aos reitores para que, asumindo a necesidade de negociar todo o relacionado coas condicións laborais e retributivas do persoal temporal, instaran o conselleiro de Educación a convocar a Mesa Sectorial de Universidades, órgano competente para levar adiante a negociación destes cambios normativos, como xa o fixo a CIG-Ensino.
Lembra que, neste intre, boa parte do colectivo docente e investigador está a execer nunhas condicións de precariedade tanto laboral como salarial, con soldos inferiores aos 800 euros mensuais en moitas categorías. Por iso considera que a percepción dos complementos que lles correspondan debe realizarse en función do tempo traballado e non da relación contractual que exista.
Financiamento das universidades
Desde a CIG-Ensino tamén se demanda da Consellaría responsabilidade á hora de afrontar un financiamento das universidades galegas que teña en conta, entre outros aspectos, o cómputo dos incrementos salariais que se producen por variacións nos diferentes complementos, ben sexa tras a consecución dun dereito previamente non recoñecido ou simplemente polo cumprimento de labores de docencia e investigación e da propia antigüidade, evitando deste xeito que sexan as universidades quen teñan que afrontar un pagamento que, entende a CIG-Ensino, lle corresponde á Consellaría de Educación.