A xustiza pena con cárcere o modelo de relacións laborais de Gadis
O Xulgado do Penal número 4 da Coruña condenou a encargada do Gadis de Melide a 20 meses de prisión como responsábel de catro delitos de acoso laboral e de lesións psíquicas. Xunto a isto deberá afrontar o pago dunha indemnización de 51.000 euros ás vítimas, ademais dos gastos da asistencia sanitaria ás lesionadas e das costas procesuais.
A sentenza penaliza o modelo de dirección e de relacións laborais da empresa de alimentación, xa que o departamento de recursos humanos, qu coñecía os feitos desde 2018, en todo momento defendeu a encargada, “chegando o delegado de área a dicirlles ás vítimas que non lles quedaba outra solución que un traslado ou irse da empresa porque á encargada non lle ían facer nada, reforzando así a súa autoridade e o estilo de dirección autoritario e violento”, sinalan dende a CIG.
Queda pois probado o acoso continuado exercido pola encargada, defendida e apoiada pola dirección. A xustiza recoñece que se dirixía ás traballadoras “de forma sistemática e prolongada no tempo con graves descualificacións, ridiculizando os seus actos e palabras, tanto en presenza doutros compañeiros como dos clientes”.
Insultos e humillacións públicas
Como quedou demostrado, a encargada referíase ás traballadoras con insultos como “inútil, analfabeta, subnormal perdida, porca, víbora, gilipollas, imbécil, merdas” e expresións do tipo “colle a porta e lárgate; voute canear; voute matar; eu co teu contrato podo facer o que queira, incluso meterte nunha estantería”. Tamén ameazaba con represalias por utilizar as licenzas de convenio ou acudir ás delegadas da CIG, “todo acompañado de esixencias excesivas no traballo, tanto de carga como de tempos”.
O acoso e as agresións psíquicas afectaron a saúde das traballadoras, permanecendo de baixa e a tratamento durante máis dun ano. A xustiza declarou culpábel á encargada e a Gadisa, como responsábel civil subsidiaria, por non evitar uns actos “graves, hostís e humillantes”que constitúen “maltrato, humillación e vexación sistemática, logrando minar a súa dignidade persoal, e provocándolles ademais unha lesión psíquica”.