A xustiza pena con cárcere o modelo de dirección e relacións laborais que fomenta e defende GADIS
O Xulgado do Penal nº 4 da Coruña vén de emitir sentenza condenando á encargada do GADIS de Melide a 20 meses de prisión, como responsábel de catro delitos de acoso no ámbito laboral e de lesións psíquicas. Xunto a isto deberá pagar máis de 51.000€ de indemnización ás vítimas, ademais dos gastos do Sergas derivados da asistencia sanitaria ás lesionadas e as costas procesuais de todo o procedemento xudicial.
A Dirección de Recursos Humanos de GADISA era coñecedora, desde 2018, de todos estes feitos, mais en todo momento defendeu á encargada, “chegando o Delegado de Área a dicirlles ás vítimas que non lles quedaba outra solución que admitir un traslado ou irse da empresa porque á encargada non lle ían facer nada, reforzando así a súa autoridade e o estilo de dirección autoritario e violento”.
Así o explicou esta mañá, en rolda de prensa, o secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez, que compareceu acompañado das traballadoras acosadas e dunha representación da sección sindical da CIG en GADIS.
GADIS responsable civil subsidiario
Pérez sinalou, ademais, que durante o xuízo, os avogados e testemuñas da empresa “intentaron, sen éxito, desprestixiar e culpar ás traballadoras vítimas”, polo que a xuíza condenou como responsable civil subsidiario a GADISA.
Na sentenza aparece como probada a conduta de acoso continuado exercida pola encargada, con 19 anos de antigüidade nese posto, que en todo momento foi defendida e apoiada pola Dirección de GADISA. A xustiza recoñece literalmente que a encargada se dirixía ás traballadoras “de forma sistemática e prolongada no tempo con graves descualificacións, ridiculizando os seus actos e palabras, tanto en presenza doutros compañeiros como dos clientes”.
Insultos e humillacións públicas
Tal e como quedou demostrado, a encargada adoitaba dirixirse ás traballadoras con expresións como “inútil!, analfabeta!, colle a porta e lárgate!, voute canear!, voute matar!, subnormal perdida, porca!” ou “víbora!, gilipollas!, imbécil!, merdas!, eu co teu contrato podo facer o que queira, incluso meterte nunha estantería”.
Tamén ameazaba con represalias por utilizar as licenzas de convenio ou acudir ás delegadas da CIG afeándolles cun “agora corres e vas aos teus amigos do sindicato!”.
Cargas de traballo excesivas e prolongación de xornada
Tal e como sinalou Roberto Pérez, tanto os desprezos, como as burlas e comparacións con outras compañeiras quedaron demostradas. “Todo acompañado de esixencias excesivas no traballo, tanto de carga como de tempos”.
A sentenza tamén acredita que as traballadoras eran obrigadas a prolongar a xornada e que a encargada realizaba reunións para escarnecer aínda máis a determinadas traballadoras empregando frases insultantes do tipo de “teño aquí uns merdas, uns galiños, pero a eses písoos así!” ou “aquí o que non siga os meus pasos, póñoo baixo a sola dos meus zapatos e facémoslle a vida imposible ata que se aburra e marche” e mesmo outras como “eu non vou botar nunca ninguén porque son a persoa máis mala do mundo”.
Estilo de dirección autoritario
Xunto a isto, o estilo de dirección autoritario e insultante queda demostrado a través de numerosas expresións que se revelaron como certas durante o proceso xudicial, como “se vexo unha bolsa derriba da cadeira, cómela!”, “aquí mando eu!”, “ti non vales para nada!”, “cando che diga corre, corres!”, “voute mandar á casa durmir”, “pareces unha tartaruga”.
As traballadoras vítimas caeron enfermas como consecuencia deste acoso e das agresións psíquicas recibidas, polo que permaneceron de baixa médica e a tratamento durante máis dun ano.
A xustiza declarou culpable á encargada e tamén a GADISA por non evitar os feitos que cualificou literalmente na sentenza como “actos graves, hostís e humillantes, que realizados no contexto dunha relación laboral de forma reiterada, colman o tipo obxectivo e subxectivo do delito de acoso laboral, quedando meridianamente claro que a encargada do supermercado GADIS de Melide, someteu ás traballadoras a continuas humillacións, desprezos e vexacións, que se ben consideradas illadamente poden non parecer extremadamente graves, intégranse nun conxunto de maltrato, humillación e vexación sistemática, logrando minar a súa dignidade persoal, e provocándolles ademais unha lesión psíquica”.