A xustiza obriga o Concello de Narón a reincorporar un traballador nas listas de contratacións de bombeiros
A CIG-Administración Pública de Ferrol tivo que recorrer á xustiza para que o Concello de Narón readmitira un traballador nas listas de contratación de bombeiros/as. Esta persoa, explica Carmem Viso, secretaria comarcal da CIG-Administración, fora expulsado das listas de contratación no mes de xuño do ano 2020 "por unha resolución da alcaldía que violaba os seus dereitos laborais, alegando unha suposta renuncia a un contrato".
Fronte a esta decisión, a CIG interpuxo un contencioso administrativo e a xustiza de Ferrol, en sentenza do 8 de abril, recoñece a non existencia da renuncia e a irregularidade da exclusión das listas, obrigando o Concello a incluílo coa orde de prelación que tiña.
Porén, a sentenza non se pronuncia sobre os chamamentos para vacantes que foron feitos durante o seu período de exclusión das listas e a posibilidade de que lle corresponderan pola orde de prelación que tiña nesa listaxe feita despois dun proceso selectivo.
O Concello de Narón fixo efectiva a sentenza e reincorporou o traballador ás listas neste mes de maio. Dende a CIG-Administración Pública de Ferrol sinalan que "seguiremos atentos na defensa dos dereitos do persoal empregado público utilizando todos os recursos que sexan necesarios para o seu respecto".