A xustiza declara ilegal a represión de Medio Rural ao persoal técnico de incendios durante a folga de 2020
O Xulgado nº1 do Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela vén de estimar o recurso contencioso administrativo contra a resolución da Secretaría Xeral Técnica da consellería de Medio Rural, de 27 de agosto de 2020, na que inventa uns criterios de descontos salariais que aplicou nas nóminas de agosto e setembro de 2020 ao persoal técnico de incendios (enxeñeiros/as de montes e técnicos/as forestais). Especificamente declara a “NON conformidade a dereito” da resolución e o dereito das persoas afectadas a percibir o 100% das súas retribucións mensuais no tempo que prestaron servizos mínimos. A maiores, a sentenza imponlle costas á Xunta de Galicia.
Esta folga na loita polas melloras laborais do persoal técnico de incendios forestais desenvolveuse entre agosto e setembro de 2020. Segundo explica a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, “a consellería de Medio Rural tentou por varios medios reprimir a folga atentando contra este dereito fundamental: contratou a persoal de empresas externas (SEAGA) para a realización de tarefas habituais non decretadas nos servizos mínimos, presionou individualmente ao persoal facendo que declarara se apoiaba a folga convocada e finalmente exerceu descontos salariais sobre o persoal que estaba a cumprir os servizos mínimos”.
Burgos salienta ademais que o procedemento de desconto tivo unha “celeridade inaudita” para executar a represión da folga tocando o salario ao persoal antes de rematar o mes de agosto de 2020 (coa folga indefinida aínda en marcha).
Salario en función de incendios
Nese sentido subliña que “temos vivido múltiples represións patronais máis é a primeira vez que aplican de descontos salariais ao persoal que traballou en servizos mínimos” e asegura que “para xustificar tal barbaridade, vincularon a rebaixa salarial ao número de incendios que tiveron en cada centro de coordinación (a menor número de lumes, maior desconto) aínda que o 100% deles foron atendidos con normalidade”.
A xustiza nin entra a valorar a xustificación da xunta e deixa claro que “con independencia de que non se desempeñaran todas as funcións que lle corresponde ao persoal técnico, esa dispoñibilidade outórgalles o dereito a percibir o salario sen dedución proporcional ás funcións desenvolvidas ou á taxa de incendios”.
Queda tamén claro que na aplicación dos descontos salariais vulnerouse o establecido nos artigos 30.2 e 14d) do EBEP, sendo non conforme a dereito e tendo por único obxectivo real a desmobilización do seguimento da folga legalmente convocada nese momento.
A CIG-Administración Autonómica manifesta, por iso, a súa satisfacción con esta sentenza xa que “pecha a posibilidade de que a Xunta de Galicia volva a reprimir ao seu persoal coa aplicación de descontos salariais cando se esta a traballar en servizos mínimos garantindo o dereito de folga como medida de loita para a mellora das condicións laborais”.
Con todo, urxe á consellaría de Medio Rural a que proceda, de inmediato, á devolución do salario roubado. Xunto a isto Burgos entende que “deberían ser cesadas ou dimitir as persoas responsábeis da consellaría que aplicaron os descontos ou as que unha vez aplicados non quixeron rectificar a situación, nomeadamente María Jesús Lorenzana, Secretaria xeral técnica nese momento da consellería de Medio Rural e, que pouco despois do conflito, foi ascendida a Conselleira de Emprego e Igualdade, e ao actual secretario xeral técnico de Medio Rural, Nicolás Vazquez, ademais da dimisión do Conselleiro de Medio Rural: Jose González Vázquez”.