A Xustiza confirma que Servicarne é unha cooperativa fantasma creada para colocar falsos autónomos no sector cárnico
Nunha sentenza datada o 15 de marzo de 2023 e dada a coñecer estes días, a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional (AN) rexeitou o recurso interposto por Servicarne contra a resolución do Ministerio de Traballo do 30 de abril de 2019 que lle impuxo a sanción de descualificación como cooperativa de traballo asociado. No proceso xudicial foi parte a CIG, en defensa dos intereses das persoas traballadoras.
A AN confirma que a decisión administrativa de descualificación foi correcta, pois Servicarne non realizaba a actividade propia dunha cooperativa —organizar o traballo autónomo para a produción de bens e servizos para terceiros— senón que se limitaba a colocar falsos autónomos en importantes empresas do sector cárnico (como Campofrío, Sada, Coren, Embutidos Rodríguez ou Cárnicas Frivall) baixo un aparente contrato mercantil de arrendamento de servizos.
Desta maneira, as persoas integradas en Servicarne vían limitados “os seus dereitos laborais individuais, con inferiores condicións de traballo e de protección social respecto doutras empresas do sector. Ademais, polo seu traballo de socios cooperativistas “están privados de todos os dereitos laborais de carácter colectivo”.
A sentenza salienta tamén a ausencia total de medios organizativos e produtivos propios dentro de Servicarne e a falta de autorregulación no traballo das persoas socias traballadoras, que estaban baixo as directrices e condicións que as empresas clientes marcaban sen atención aos dereitos e condicións salariais do convenio colectivo, aproveitando que formalmente non traballaban por conta allea.
Sen os dereitos propios das sociedades cooperativas
As persoas integradas en Servicarne carecían tamén dos dereitos democráticos propios das sociedades cooperativas e non podían participar nas decisións do Consello Reitor nas condicións de transparencia que esixe a lei.
En resposta ás alegacións da falsa cooperativa, a AN aclara que a existencia dalgunhas sentenzas dos tribunais da orde social que negan a existencia de cesións ilegais de traballadores non é un dato que sirva para desvirtuar os graves incumprimentos do réxime de funcionamento propio das cooperativas que foron constatados pola Inspección de Traballo.
A CIG fai unha valoración positiva da sentenza (contra a que cabe recurso perante o Tribunal Supremo) e espera que a autoridade laboral manteña unha postura firme fronte as empresas clientes e impida a continuación dun modelo de negocio baseado na fraude de lei, o abuso patronal e a precariedade laboral.