Condena a Mercadona polo dano moral causado a unha traballadora a que lle denegou a modificación da xornada por coidado
A sección sindical da CIG en Mercadona celebra a sentenza, xa firme, emitida polo xulgado do Social número 7 da Coruña, dándolle a razón a unha traballadora que solicitou unha modificación na concreción horaria da redución de xornada que tiña para poder conciliar a vida laboral e familiar. Deste xeito, a compañía de supermercados non só ten que aceptar a solicitude (que estaba perfectamente xustificada), senón que ademais foi condenada a indemnizar a traballadora polo dano moral que lle causou.
Os feitos remítense a agosto do ano pasado, cando a empregada solicitou formalmente unha modificación (de tan só media hora de luns a venres e na súa quenda de tarde) na concreción horaria de redución de xornada por garda legal que tiña dende novembro de 2020: a 35 horas/semana en quendas rotativas semanais alternas de mañá-tarde.
Por un cambio de circunstancias e para poder conciliar a súa vida familiar e persoal, a traballadora viuse na obriga de ter que solicitar esta pequena modificación consistente en adiantar en media hora a súa entrada ao traballo para poder saír media hora antes, sen alterar os seus horarios dos sábados, nin seus horarios da quenda da mañá, nin a rotación semanal alterna que xa viña a realizar. Esta modificación só afectaría de luns a venres e só na xornada que tivese en quenda de tardes.
No xuízo, Mercadona alegou que cometeu un “erro de interpretación na solicitude da traballadora” e que, supostamente por iso, inicialmente lle denegou a solicitude pero non quixo recoñecer que o dano xa estaba feito. Na sentenza, a maxistrada salientou que o escrito da traballadora, asesorada por delegadas da CIG, non xeraba lugar a ningunha dúbida senón que era “claro” en canto á petición que se estaba realizando.
Escusándose neste erro de interpretación, a empresa denegoulle formalmente a solicitude á traballadora argumentando “a imposibilidade de substituír o descanso de 30 min coa anticipación da hora da saída”. Agora, o xulgado determina que, sendo esta resolución empresarial denegatoria carente de xustificación, fose ou non a causa desa falta de correcta comprensión lectora, debe ser en todo caso responsabilidade da empresa asumir o dano efectivamente causado a esta empregada.
Atrancos constantes aos dereitos de conciliación
A sección sindical da CIG en Mercadona, que ostenta a maioría absoluta da representación na provincia de A Coruña, leva anos denunciando os enormes atrancos que esta cadea de supermercados formula para que o persoal poder atender as necesidades de conciliación da vida persoal e familiar. De feito cando un/ha traballador/a solicita unha redución de xornada por garda legal, ou por coidado de familiar dependente a cargo, atópase "ante unha utopía cando non unha quimera", tal e como argumentou o delegado de persoal na zona de Ferrolterra, André Abeledo Fernández.
“Dende hai moitos anos estamos denunciando a política do medo e represión á que numerosas traballadoras e traballadores se ven sometidos en Mercadona", alerta a Presidenta do Comité na provincia da Coruña, María López Alejos, salientando que a representación da CIG "continuará pelexando para que se respecten os dereitos de todo o persoal".
Neste caso en concreto, a delegada da CIG na tenda de Avda. de Oza-A Coruña, Tania Varela García, e a presidenta do comité, explican que os problemas que padeceu e padece a compañeira iniciáronse en setembro de 2019, data na que comunicou que estaba embarazada, tendo o "atrevemento" ademais de exercer os seus dereitos laborais e de acudir á CIG para asesorarse, "xa que cos outros sindicatos maioritarios comprobou que nesta empresa acudir a estas centrais era como facelo ao propio departamento de RRHH".
"Foi saber a encargada que a traballadora estaba embarazada e faltoulle tempo para dicirlle que non estaba diminuída e despois comezar con toda unha serie de acontecementos inxustos contra a súa persoa", denuncian as delegadas da CIG, subliñando a valentía da compañeira para asinar "non conforme" a toda esta serie de ataques.
Actas de reprimenda, cambios de horarios e perda da prima
Ataques que se materializaron nas chamadas “actas de reprimenda”(nas que lle facían constar feitos incertos e que non se correspondían coa realidade pero que Mercadona fai constar como se fosen sancións en moitas das súas cartas de despedimentos para levar a práctica despedimentos procedentes); a imposición de horarios mensuais que modificaban a súa xornada ordinaria de quendas rotativas alternas, para impoñerlle a xornada sempre de mañá a pesar de que a encargada da tenda era coñecedora de que a traballadora padecía moitos vómitos e malestares nesas horas; ou as “actas de adaptación de posto de traballo”, que non se correspondían co debidamente protocolarizado para as traballadoras xestantes, senón que no caso dela apuntaban a todo o contrario.
Tamén se atreveu a pedir copia de todos os escritos que lle facían asinar (posto que Mercadona non acostuma a entregar por defecto esta documentación que esixen se asine, a non ser que a pida expresamente o persoal) e asinou coa data e non conforme ás pre-avaliacións e avaliacións anuais (a finais do 2019 e ao longo do 2020) que lle ocasionaron a perda da chamada “prima xeral (aínda que non lla retribúan a todos/as) por obxectivos e permanencia”. María López indica que, “aínda que Mercadona argumenta que é un premio á excelencia, esta prima constitúe un claro instrumento de chantaxe cuxo obxectivo é manter submiso ao persoal".
A todas estas disconformidades déuselle resposta en prazo e forma dende a CIG, polo que a compañeira ten varias causas pendentes de resolver en instancias xudiciais, que "agardamos tamén se resolvan de maneira favorábel e se faga xustiza con esta traballadora".
"Este uso e exercicio de dereitos cabreou aínda máis á compañía", manifesta López Alejos. A presidenta do comité da Coruña engade que, por desgraza, este non é un caso puntual e illado, senón que se trata da política habitual da empresa, que ademais insiste na persecución ao persoal que se atreve a exercer os seus dereitos. Así a traballadora continúa padecendo "sibilinamente" circunstancias laborais que se lle supoñen unha importante perda económica, pero, o que resulta máis grave, que están prexudicando a súa saúde.
Por iso, a sección sindical da CIG quere transmitirlle toda a forza, o ánimo e os parabéns "e que lembre que aínda que en Mercadona queda moito por loitar para continuar avanzando na normalización das relación laborais nesta empresa supostamente modélica, iso non resta a satisfacción por ser quen de facer valer os seus dereitos e por conseguir, coa súa propia vitoria, ensalzar a dignificación dos dereitos de igualdade e non discriminación doutras moitas compañeiras nun sector tan feminizado como o comercio de alimentación. “Esenciais si, pero non só para producir beneficios e por riba consentir unha merma dos nosos dereitos e incluso perder a nosa saúde".