A xustiza condena a HM A Rosaleda por esquirolaxe durante a folga polo convenio da sanidade privada da Coruña

Considera probado que a empresa substituíu o persoal en folga do servizo de Anestesia por persoal externo ao hospital
Santiago de Compostela - 16 Out 2025

O Xulgado do Social vén de declarar probado que a empresa Instituto Policlínico La Rosaleda vulnerou os dereitos fundamentais do seu persoal durante as folgas dos días 15 e 17 de abril de 2024. A sentenza considera probado que a empresa substituíu o persoal en folga con persoas traballadoras externas non vinculadas ao hospital santiagués, para que realizan as funcións do servizo de Anestesia. Con esta manobra ilegal, o obxectivo de La Rosaleda era deixar sen efecto a folga e manter a actividade asistencial como nunha xornada ordinaria.

A sentenza determina que esta actuación vulnera os dereitos fundamentais de folga e liberdade sindical e declara a nulidade radical da conduta da empresa, ordenando o cese inmediato deste comportamento antisindical. Así mesmo, condena a compañía -un dos principais grupos da sanidade privada no Estado español- a abonar unha indemnización á CIG polos danos ocasionados.

Esta resolución súmase a outras denuncias gañadas pola CIG-Saúde polas prácticas de esquirolaxe (externa e interna) que fixeron as empresas durante as folgas convocadas polo convenio colectivo da sanidade privada da provincia da Coruña no ano 2024; como as sancións impostas pola Inspección de Traballo a HM A Rosaleda ou ao Policlínico Santa Teresa da Coruña (Hospital QuirónSalud).

A isto súmase a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anulou o decreto dos servizos mínimos, recoñecendo que a Xunta delegara ilegalmente nas empresas privadas a súa fixación, “empoderando ás patronais fronte ao dereito de folga e limitando de xeito desproporcionado este dereito fundamental”.

Para as delegadas e delegados da CIG-Saúde esta nova resolución demostra “que tiñamos razón: as empresas e a Administración vulneraron dereitos fundamentais das persoas traballadoras. A folga é un dereito, non un delito”. E avanzan que, malia as prácticas abusivas e ilegais das patronais, “seguiremos loitando pola dignidade e polos dereitos do persoal da sanidade privada”.