A xustiza condena a ABAI por ocultar de maneira reiterada información á representación do persoal

A sentenza declara que se vulnerou o dereito fundamental á liberdade sindical da CIG e ordena o cese da conduta empresarial
A Coruña - 21 Mai 2026

ABAI Business Solutions, única subcontrata de Movistar para o servizo de atención á clientela no Estado español e tamén subcontrata de ENDESA, vén de perder contra a CIG unha demanda por tutela de dereitos fundamentais en materia de información, consulta e participación sindical, ao ocultarlle de maneira recorrente a información económica da empresa e a documentación de obrigada comunicación recollida no artigo 64 do Estatuto das persoas traballadoras.

Hai que sinal que ABAI fora advertida previamente pola Inspección de Traballo a respecto do incumprimento das súas obrigas legais e a CIG xa acadara con anterioridade un acordo para a entrega efectiva desta documentación.

Finalmente, ante a actitude de Abai, a sección do social do tribunal de instancia da Coruña sentenza a efectiva lesión da liberdade sindical e unha vulneración do dereito fundamental recollido no artigo 28.1 da Constitución e no artigo 2.1 da Lei Orgánica de Liberdade Sindical, concluíndo que a empresa impide o desenvolvemento da actividade sindical, limitándoa e obstruíndoa. Por estes feitos, condena a ABAI a cesar na súa conducta antisindical e a respectar o dereito de información, consulta e participación da representación legal das persoas traballadoras.

Na propia resolución sinálase que o espírito e a finalidade da normativa de liberdade sindical e o seu desenvolvemento polo Tribunal Constitucional tende a ensanchar o marco da acción sindical, como manifestación da liberdade sindical.

Sen documentación relevante mentres a empresa destrúe emprego

A representación da CIG no comité da Coruña subliña que a gravidade desta actitude “deriva da ocultación sistemática da empresa na xestión dos seus centros de traballo”. Lembran que, en datas recentes, a empresa despediu a máis de 15 persoas no centro de traballo de Zaragoza “alegando razóns produtivas e organizativas das que non se tiña constancia previamente”. Denuncian que a compañía tamén leva anos deslocalizando os servizos a plataformas en América do Sur, “coa correspondente perda de postos de traballo na Coruña cos recorrentes ERE que levamos sufridos na cidade herculina”.

Nos últimos 10 anos, a cadro de persoal de ABAI pasou de máis de 1.000 persoas a 400. Unha destrución de emprego que as delegadas e delegados da CIG cualifican de “inasumíbel pola sociedade” e lamentan que, a pesar da acción sindical e da loita polo mantemento dos postos de traballo, “os gobernos, tanto municipal como da Xunta de Galiza, non moveron un dedo para defender as familias que se viron abocadas ao paro, ao non dispor de alternativas reais de emprego”.