A xustiza anula o nomeamento de tres comisións de servizos no Concello da Coruña por falta de motivación
O xulgado do contencioso administrativo nº4 da Coruña declarou non conforme a dereito a resolución pola que o Concello da Coruña cubriu tres postos de dirección en Servizos Sociais mediante o procedemento de comisión de servizo. A sentenza conclúe que na súa decisión o Goberno municipal non foi transparente e incluso entende que os criterios de valoración empregados foron elaborados para cada caso especificamente, sen que existiran baremos homoxéneos, cuantificábeis e computábeis.
Sobre a falta de transparencia, na propia sentenza sublíñase que o Concello publicou a convocatoria das vacantes para a súa cobertura polo sistema de provisión, pero despois non fixo público nin notificou ás restantes 14 persoas interesadas o resultado da selección, impedindo así que estas coñeceran os motivos polos que se elixiron a determinadas funcionarias e funcionarios para cubrir as comisións.
Con este proceder, puntualiza a sentenza, o Concello faltou ao deber de transparencia e obxectividade que debe rexer as súas decisións. Que as comisións se ían dar a determinadas persoas previamente elixidas, evidénciase no feito de que na publicación da convocatoria o Concello da Coruña deixou en branco o apartado de méritos que se terían en conta para acceder ao posto. Isto implica, engade o auto, "que os méritos se estableceron con posterioridades a coñecer quen se presentaba e que currículo presentaba, o que pode favorecer que os méritos se poidan establecer ad hoc para determinado persoal".
Uso retorcido das comisións
A sección sindical da CIG critica o "uso retorcido" que o Goberno de Inés Rey fai da provisión de postos pola vía das comisións de servizo e que, a pesar das denuncias xudiciais e das advertencias, segue sen cumprirse coa obrigada transparencia. E acusa ao Goberno da socialista Inés Rey de escudarse na auto-organización e na lei de protección de datos para non facilitar información á representación do persoal sobre as adxudicacións das comisións.
Neste senso, explican que coa intención de darlle unha aparente transparencia á discrecionalidade coa que se sigue actuando, en outubro de 2020 o Goberno municipal aprobou, sen ningún tipo de consenso, a Instrución 3/2020: un procedemento interno de xestións dos procesos de comisión de servizo que tiña como obxecto axilizalos e establecer os supostos nos que se procedería á provisión de postos.
Pero a realidade deste artificio "é a de vestir administrativamente un procedemento no que non figura nela ningún tipo de baremo, deixando todo ao informe dun responsábel e ao que até o de agora non se lle daba publicidade".
"Un traxe a medida"
De maneira parcial e, tamén a raíz da denuncia no xulgado dunha delegada sindical da CIG, a sección sindical tivo acceso á documentación dalgunhas das comisións de servizo. "Esta información permítenos afirmar que os nomeamentos que se puideron dar dende outubro de 2020, veñen derivados de valoracións non aclaradas nos informes quedando a parte de méritos taxábeis en meras anécdotas. Isto pode dar como resultado un traxe a medida, algo máis difícil de xustificar nun concurso ordinario", advirten.
Da información que o xulgado lle obrigou ao Concello a facilitar derivouse un proceso contencioso-administrativo contra a resolución baseada nos expedientes dos que a CIG ten coñecemento e que deu á razón á central sindical ao detectar o “incumprimento no deber de transparencia pola falta de comunicación ás interesadas polo que resulta imposible controlar a obxectividade das eleccións realizadas”.
Esta actuación do Concello obriga o persoal funcionario a ter que acudir ao xulgado pola ocultación de información, a discrecionalidade nos nomeamentos de postos ou outras circunstancia que atentan aos dereitos do persoal, co conseguinte posible custe económico e emocional.