“Sabemos que a Xunta pode facer máis en Maderas Iglesias para non deixar tiradas a 148 familias”
O cadro de persoal de Maderas Iglesias, compañía do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa en risco de desaparecer como consecuencia das débedas contraídas, percorreu este mediodía as rúas de Vigo para reclamar a implicación da Xunta na busca dunha solución que permita o mantemento da actividade industrial e dos 148 empregos actuais.
A manifestación arrincou do cruce de Colón arredor das 12:30 horas custodiada por un desproporcionado dispositivo da Policía española, que impediu que as traballadoras/es ocupasen parte da rúa. Unha vez a marcha chegou ao edificio da Xunta, os axentes tampouco lles permitiron situarse xusto diante da delegación autonómica.
Dende a representación do persoal aseguran non entender a actitude da Subdelegación do Goberno e da propia Policía, tendo en conta que nos últimos anos levaron a cabo numerosas protestas nas que non se rexistrou nin o máis mínimo incidente.
Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, Vicente Molares, da CIG amosouse moi crítico coa actitude do conselleiro de Industria, que continúa sen querer reunirse coa representación das traballadoras/es. “Non entendemos por que non nos quere recibir; di que quere conservar o emprego e axudar as empresas galegas, pero a verdade é que o PP rexeitou o outro día no Parlamento galego unha moción en favor de Maderas Iglesias”, lembra.
Sostén que o que queren é manter unha xuntanza na que estean todas as partes para intentar atopar unha solución definitiva tras máis de dez anos de loita. “Sabemos que a Xunta pode implicarse moito máis”. Neste senso, pregúntase cantos cartos públicos se lles deron aos bancos sen que tivesen devolto nada. “Sen embargo están dispostos a deixar tiradas a 148 familias; é algo incomprensíbel”, denuncia.
Plan de negocio
Lamenta que agora que a empresa “comeza a ver un pouco de luz” despois de tantos anos (hai traballo para case todo o persoal e chegan novos pedidos), conta cun plan de negocio que antes non tiña e incluso están ao día no cobro das nóminas. “Pero atopámonos con que a Administración segue sen implicarse, até o punto de que o conselleiro continúa sen reunirse co comité de empresa”.
En canto ás negociacións do grupo inversor intereado na compra da empresa cos bancos propietarios da débeda indicou que o grupo inversor fixo unha tasación da empresa e moveuse para intentar chegar a un acordo, e os bancos fixeron outra tasación e quedaron en facer unha proposta en breve. “Son os tiras e afrouxas propios dunha negociación, pero o importante é que haxa negociación”.
Finalmente, comentou que até o de agora non se subastaron os terreos que a compañía ocupa no Porriño porque hai negociacións abertas, porque senón terían que desahuciar a empresa das instalacións. “Pero agora depende de que a Xunta, e o resto de implicados, fagan un esforzo”.