A Xunta segue sen querer exercer as súas competencias malia a falta de actividade dos fornos e a perda de emprego
O comité de XEAL mantivo unha reunión esta mañá coa Xunta de Galiza na que se constatou que o Goberno galego segue sen asumir as súas responsabilidades e sen querer exercer as súas competencias, a pesar da parada produtiva dos fornos e do desmantelamento das fábricas. Ante este desleixo, a representación do persoal instou, unha vez máis, á Xunta a que faga valer as cláusulas das concesións e obrigue a XEAL a pór en marcha un plan de viabilidade que garanta a continuidade industrial e o mantemento de todos os postos de traballo.
Lembran que dende a chegada do fondo TPG-IThaka, nunha operación fraudulenta que só persegue facerse co negocio da produción eléctrica, nin se executaron os investimentos comprometidos, nin se presentou un plan industrial que dea viabilidade á produción de ferroaliaxes e permita a continuidade dos empregos. Ao contrario, neste tempo asistiuse ao desmantelamento progresivo das fábricas, á parada dos fornos e á destrución de postos de traballo, xerando unha enorme incerteza sobre o futuro das instalacións.
Incerteza agravada ante a proximidade do remate do ERTE o día 28, sen que a dirección teña adquirido materia prima para retomar a actividade nos dous fornos que están parados, nin aclare que previsións de produción ten para os vindeiros meses.
A Xunta debe velar pola viabilidade das fábricas
Por iso, na xuntanza de hoxe, o comité demandoulle á Xunta que acometa as medidas necesarias para velar pola viabilidade das fábricas, así como polo cumprimento do recente fallo do TSXG que reafirma a vinculación esencial das actividades enerxética e das ferroaliaxes, como a mellor garantía de defensa do interese público e da continuidade industrial.
Neste senso, o comité critica que seguen sen coñecer o contido do plan de viabilidade que a empresa trasladou á Xunta, nin os termos do contrato de compra-venda entre FerroGlobe e TPG-Ithaka ou dos acordos comerciais entre ambas compañías. Factores ambos de suma importancia, porque determinan as posibilidades de acceso a materia prima de calidade e a saída ao mercado das ferroaliaxes que se fabrican en Cee e Dumbría.
De feito, o comité sospeita que a empresa non está polo labor de arrancar algúns dos fornos de manganeso, aínda que existe demanda no mercado deste material, tal e como o corrobora o feito de que a fábrica de Boo está a pleno funcionamento. Isto confirma a artimaña que hai atrás da operación de venda, que pon en risco a continuidade industrial e centos de empregos nunha comarca deprimida como a Costa da Morte.
Ante esta situación de perda de postos de traballo e desmantelamento do centro de traballo, e amparándose na última sentenza, o comité tomará as accións pertinentes de cara a garantir o emprego e velar pola actividade industrial e o futuro da comarca.
Mantéñense as concentracións semanais dos venres
Así mesmo, o persoal continuará mañá, venres 18, coas concentracións semanais diante da fábrica de Brens, ás 17:15h, para esixir o plan de viabilidade, que se cumpra co establecido nas cláusula das concesións e se concrete un calendario para o rearranque efectivo dos fornos. E ao tempo, para esixir a Xunta que revise a concesión de explotación das centrais se a empresa prosegue co seu boicot á produción de ferroaliaxes.