A Xunta saca a concurso o servizo de ambulancias urxente e a metade dos lotes quedan desertos por estar infradotados economicamente
A Xunta sacou a concurso, o pasado mes de decembro, a concesión do servizo de transporte sanitario urxente do 061 (ambulancias). A baixa dotación económica, que impide o cumprimento do convenio colectivo e a prestación do servizo en condicións axeitadas, provocou que dos 13 lotes que se licitaban, 5 quedaran desertos ao non se presentar nin unha soa oferta. Por iso esta mañá CIG, CCOO, UGT e USO compareceron en rolda de prensa para denunciar a gravidade da situación e advertir que, de non se resolver, o sector iniciará mobilizacións.
Tal e como explicou o responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG, Xesús M. Pastoriza, a situación é tanto máis grave canto que eses cinco lotes se corresponden con toda a provincia de Pontevedra e a comarca da Coruña, precisamente as zonas máis poboadas de Galiza. E isto ocorreu co transporte sanitario urxente, porque segundo apuntou, o non urxente aínda non saíu a concurso.
Para Pastoriza a responsabilidade é do PP e da Xunta de Galiza, que no verán de 2023 anunciaron publicamente que “sacarían un extraordinario concurso con moitos recursos” á altura de setembro ou outubro pero “estamos en febreiro de 2024 e a metade do urxente quedou deserto”.
Por iso considerou que “é moi evidente que toda esa marabilla que ía traer a Xunta de Galiza non se concretou en ningunha realidade”. Lembrou que desde o sector xa se viña denunciando que os anteriores contratos estaban infradotados economicamente e agora “os novos contratos igual”.
Nese sentido indicou que “hai unha pequena suba” pero “claramente insuficiente” e denunciou o “secretismo” da Xunta, que non deu nin unha soa explicación ao respecto.
Cumprimento do convenio
Para as organizacións sindicais é especialmente preocupante esta situación, xa que unha parte moi importante da negociación colectiva está vinculada á licitación pública. Isto é, para que se poidan aplicar os incrementos salariais e de melloras de condicións laborais pactadas no V Convenio do sector de ambulancias, o concurso ten que estar suficientemente dotado e contar cos recursos económicos necesarios para cumprilo. Ademais, ao non se asinar en tempo os novos contratos, queda no aire o pagamento das cantidades que se deberían de abonar xa entre abril e xuño deste ano.
Canto ás condicións laborais outra das denuncias que viñan facendo, e que persiste, é o exceso de carga de traballo. A este respecto Pastoriza denunciou que nos pregos, o 061 volveu incluír ambulancias cun só técnico-condutor/a. Un déficit de persoal que ten consecuencias porque ao non poder mobilizar ás e os doentes, ten que chamar a outra ambulancia que non pode, así, atender outra emerxencia. E isto ocorre cando “as ambulancias cada vez traballan máis”.
Xunto a isto denunciaron que, precisamente por ese exceso de carga de traballo, este é o sector que acumula máis baixas laborais relacionadas con problemas músculo-esqueléticos.
Alén da falta de persoal denunciaron tamén a falta de ambulancias para poder garantir o servizo e afirmaron que, por exemplo, na área de Vigo operan tamén as ambulancias do Baixo Miño e na área da Coruña as de Carballo, ao igual que ocorre noutras áreas “tapando un furado con outro”, denunciou o representante da CIG.
A conclusión para os representantes sindicais é que, para garantir a calidade do servizo de ambulancias do 061 en Galiza, sería preciso incrementar a dotación económica dos concursos por riba do 20%, fronte a incrementos como os contemplados nos pregos para áreas como a de Santiago, que “foi do 1,8%, que non é nin o IPC”. Só así consideran que se podería dotar de máis e mellores medios e garantir condicións laborais dignas para o persoal.