A Xunta retira helicópteros das bases con persoal público e mantén as xestionadas por Natutecnia
O sector autonómico da CIG-Administración denuncia que unha vez rematada a tempada de alto risco, que este ano se prolongou até o 15 de outubro, a consellaría de Medio Rural retirou os helicópteros das bases con persoal propio do Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) mentres mantén a pleno rendemento as bases xestionadas pola empresa privada NATUTECNIA.
Trátase, segundo explican, das bases de Marroxo en Lugo, Campiño en Pontevedra e Vilamaior en Ourense. Bases que contan con persoal fixo descontinuo de 9 meses, traballadores da Administración Autonómica que agora están a prestar servizo como brigadas helitransportadas sen helicóptero.
Denuncian que mentres desactivan o servizo público, o resto de bases xestionadas pola empresa Natutecnia continúan a día de hoxe con todo o persoal de terra e todos os medios aéreos a pleno rendemento.
A maiores do persoal propio das bases helitransportadas, sinalan que a Xunta de Galiza rematou os contratos do persoal propio de reforzo de verán o pasado 1 de outubro, deixando sen persoal o período correspondente á ampliación do tempo de alto risco decidida pola Xunta (do 1 ao 15 de outubro).
“Isto responde á práctica á que nos ten desgraciadamente acostumados a Consellaría do Medio Rural, favorecendo sempre a privatización do dispositivo de loita contra incendios forestais, encargando a empresas privadas a xestión e aproveitamento das bases de utilidade e propiedade pública, prexudicando o funcionamento do servizo coa única finalidade de privatizar e pasar o servizo público a mans privadas”.
Lembran que neste ano aumentouse a duración do contrato das empresas privadas das brigadas helitransportadas, encomendándoselles tamén como novidade tarefas de prevención.
“Estamos entón, a día de hoxe, co reforzo de verán do SPDCIF na casa, con brigadas do dispositivo público helitransportado con contrato ata rematar novembro pero sen helicópteros, e coas brigadas de empresa privada a pleno rendemento prestando máis funcións e durante máis tempo”, denuncian.
Por iso o sector da Autonómica reclama un servizo único profesional e público, que corte de raíz co negocio do lume, “do que se está a beneficiar a empresa privada Natutecnia e que foi perniciosamente proxectado dende a Consellaría do Medio Rural”.
Xunto a isto lembran que xa no mes de maio presentaron no Parlamento unha Proposición Non de Lei solicitando a ampliación a nove meses do período de traballo do persoal de reforzo de tres meses do SPDCIF, “onde demostrabamos que o custe económico desta proposta sería arredor dun millón de euros por ano e provincia, cantidade netamente inferior a empregada nas helitransportadas privadas, demostrando que non se trataba dun problema de cartos senón de vontade política”.