A Xunta reserva o 50% das prazas das residencias de tempo de libre para persoas de fóra de Galiza
Por primeira vez, a orde da Política Social que regula a concesión das prazas das residencias de tempo libre do Carballiño e Panxón-Nigrán reserva en exclusiva o 50% destas prazas para persoas de fóra de Galiza. Con esta medida, a Xunta limita o acceso das galegas e galegos a estas instalacións que teñen como obxectivo facilitar unha estadía vacacional a prezo regulado.
» DOG: Orde de adxudicación das estadías nas residencias de tempo libre
Até agora, as prazas destas residencias tiñan carácter aberto e concedíanse por orde de solicitude seguindo criterios de preferencia para persoas en circunstancias determinadas (familias numerosas, monoparentais, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade etc.) e había un 50% de prazas reservadas para asignar polas organizacións sindicais (reserva que este ano desapareceu).
Porén este ano, en plena pandemia e sen mediar explicación, a Xunta acordou dar prioridade ás persoas procedentes de fóra de Galiza, para as que se reservan cando menos o 50% das prazas de cada unha destas instalacións. Isto supón discriminar as usuarias e usuarios galegos que verán moi limitadas as posibilidade de acceder a este servizo xa que o resto de prazas ofertadas tamén poden ser solicitadas por persoas doutros territorios.
Sorprende este cambio de criterio nunha situación sanitaria e económica como a actual, na que a Xunta de Galiza debería dar preferencia ás súas administradas e administrados para que poidan gozar duns días de lecer, especialmente tendo en conta as circunstancias complexas de moitas das persoas que solicitan estas estadías e que teñen neste servizo unha vía para acceder a un período vacacional en condicións de seguridade.
De feito, tal e como se recolle na orde da Xunta que regula as quendas de estancias nestas residencias, teñen como obxectivo "favorecer a comunicación e participación persoal e socio-familiar, e cumprir cunha importante función social". Función imposíbel de cumprir se se restrinxen as posibilidades de acceso a este servizo.