Xustiza represalia o seu persoal suspendéndolle as vacacións e días de asuntos propios xa concedidos
Esta mesma mañá, a Dirección Xeral de Xustiza emitía unha instrución revogando os días de asuntos propios e vacacións xa concedidas para o mes de febreiro, ao tempo que informaba de que non se concederá ningún permiso durante ese mes. A decisión da Consellaría prodúcese tras a exitosa xornada de folga do pasado xoves, secundada por máis do 90% do persoal da administración de xustiza, e diante da perspectiva dunha folga indefinida a partir do día 7.
Para a o secretario da CIG-Xustiza, Xesús H. Sánchez, esta medida supón "unha clara represalia da Consellaría á resposta dos traballadores e traballadoras á folga do día 25 e ás accións reivindicativas levadas a cabo nas últimas semanas", mais sobre todo, ao preaviso de folga anunciado para o vindeiro día 7 de febreiro.
Diante desta decisión que cualifican de "inxustificada", as organizacións sindicais xa presentaron denuncia no Xulgado de garda de Santiago contra unha medida "que atenta contra os dereitos laborais fundamentais" e están estudando adoptar medidas polas responsabilidades patrimoniais nas que a administración poida incorrer. Ademais, engade Sánchez, mesmo a título individual hai persoal que xa formulou denuncia na Fiscalía contra a decisión da Consellaría.
"Non é normal que a través dunha instrución se deixe sen efecto toda unha orde de vacacións e a propia lei que regula os permisos e vacacións", asevera. Neste senso, fronte ás necesidades excepcionais de persoal coas que a Xunta pretende xustificar a súa disposición, Sánchez subliña que a creación dos novos xulgados xa estaba prevista e está en marcha o mecanismo habitual nestes casos. "Que ademais isto coincida co Concurso Xeral de Traslados non é xustificación ningunha", pois xa ocorreu noutras ocasións e nunca se procedera a suspender as vacacións ou días de permiso xa concedidos.
Aínda que a primeira hora da tarde a instrución da desaparecera da intranet, a medida segue en vigor ao non existir ningunha outra comunicación en sentido contrario.
Xuntanza da mesa de negociacións o mércores
Cómpre salientar que a instrución foi enviada logo do comité de folga remitir escrito ao conselleiro Alfonso Rueda, á Dirección Xeral de Xustiza e ao Consello Galego de Relacións Laborais, esixindo seguir coas negociacións no ámbito no que se estaban a desenvolver, é dicir coa mediación do Consello Galego xa que "foi o único sitio onde houbo avances para a solución do conflito". Dende o comité de folga fixaban como data límite para esa reunión o mércores 31.
A contestación da Dirección Xeral foi a convocatoria da mesa de negociacións para este mércores, ás 12:00 horas, na EGAP, pero deixando fóra ao CGRRLL, a quen non lle deron traslado da convocatoria. "Parece que a Consellaría de Xustiza non quere aceptar a mediación", lamenta Sánchez.
Dende o comité de folga denuncian que "unha vez máis, a Dirección Xeral está a empregar un medio público e de todas/os, como é a intranet xudicial, para facer partidismo e publicar información manipulada con respecto ao conflito co obxectivo de desmobilizar os traballadores e traballadoras que de xeito maioritario están a secundar as accións de protesta". A este respecto, o responsábel do sector de xustiza da CIG destacou que xa presentaron escrito denunciando este uso partidista da intranet.