A Xunta recorta a e seguridade privada na Cidade da Xustiza de Vigo e prescinde de tres traballadores/as
A CIG denuncia a intención da Xunta de “recortar e precarizar” a vixilancia da Cidade da Xustiza de Vigo e de prescindir de tres traballadores/as, polo que presentará alegacións ao prego de condicións do concurso de adxudicación do servizo de vixilancia e seguridade privada dos edificios de xustiza galegos.
Dende a CIG-Servizos explican que o lote número 12 do concurso promovido pola Vicepresidencia 2ª e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes, correspondente á Cidade da Xustiza de Vigo, contempla un importante recorte da cobertura, xa que no anterior contrato incluíase a seguridade dos edificios de xustiza, rexistro, notificacións, embargos e Xulgado de Familia.
Aproveitan o traslado para reducir o servizo e precarizalo
“Aproveitan o traslado para reducir o servizo e precarizalo, xa que por exemplo deixarase de prestar servizo pola noite os 365 días do ano; ademais, o edificio da Cidade da Cultura quedará sen vixilancia polas tardes, xa que unicamente se prestará no aparcadoiro e no rexistro civil da rúa Lalín”, explica Pedro Pérez, da CIG-Servizos. Ao mesmo tempo, durante as fins de semana só haberá servizo de seguridade privada nove horas os sábados e cinco os domingos.
Perda de postos de traballo
Para o responsábel sindical, “esta drástica redución non garante nin a seguridade das persoas nin dun edificio que tanto investimento de cartos públicos supuxo, deixándoo desprotexido ante a posibilidade de que se poidan producir actos vandálicos”. E ademais supón a perda de postos de traballo, xa que de 10 xornadas laborais pásase a seis, que empregarán a sete traballadores/as (algúns a xornada a tempo parcial), “de xeito que tres persoas quedarán fóra da subrogación”.
En consecuencia, dende a sección sindical da CIG na actual empresa adxudicataria, Clece Seguridad, anuncian que presentarán alegacións ao prego de condicións do concurso reclamando que se amplíe o servizo e que se manteñan todos os postos de traballo.